A proposta da Executiva do BNG sobre os cabezas das listas electorais conseguiu o apoio do 80% dos militantes nas 24 asembleas comarcais que se celebraron desde o pasado luns, segundo informa Europa Press citando fontes da dirección do Bloque. Así, a proposta oficial obtivo tamén un 11% de abstencións e un 5% de votos en contra, no cómputo global da Asemblea.
Os militantes votaron unha proposta da Executiva na que se definían dous puntos: un, no que se proponían os catro cabezas de lista máis a segunda pola Coruña e outro, no que a mesma dirección propuña que Beiras ocupase "un lugar destacado nas candidaturas" e "no posto e circunscrición que el considere conveniente".
Porén, a proposta particular de Beiras, que el quería que só fose debatida, foi tamén votada en 5 asembleas: Ferrol, Allariz-Limia, Valdeorras, O Morrazo e A Coruña. Segundo Europa Press, a súa proposta conseguiu so 13 votos, o 0,8% do total.
Nun documento entregado por Beiras ao coordenador da Executiva Nacional, Francisco Jorquera, o presidente do Consello Nacional lembra que o seu voto particular foi sobre "dúas cuestións de procedemento" e que non se trata "dunha proposta alternativa".
Unha das asembleas máis tensas tivo lugar no Condado, onde os abstencionistas gañaron por un voto aos que apoiaron a proposta da executiva. Segundo Europa Press, esta votación supuxo un "voto de castigo" a Roberto Mera, un dos portavoces da corrente dos Non Adscritos, quen se mostra crítico con Beiras. Foi Francisco Chivite, responsábel comarcal e membro tamén dos Non Adscritos, quen propuxo a abstención.