Dende 1989, as axudas aos centros privados en Galiza pasaron de preto de 47 millóns de euros ata un total de 198 millóns. Segundo a análise que a CIG-Ensino fai das subvencións ao ensino non obrigatorio, é significativo que estas partidas aumentaron no último ano case cinco puntos por riba do que o fixo o propio orzamento da consellaría de Educación. A paradoxal situación leva a que cidades coma Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago e Ferrol teñan máis alumnos estudando en centros concertados ca en centros públicos.
Segundo a CIG-Ensino, o que gasta o PP en concertos e subvencións para as empresas privadas do ensino "supera a suma do destinado a transporte escolar, comedores escolares, formación do profesorado, gastos de funcionamento dos centros de todos os niveis educativos, construcción de centros, reparacións, ampliacións e melloras...". O sindicato afirma que estas cantidades chegarían para reforzar a calidade do ensino público, estendendo os servizos complementarios a todos os centros, "libros de texto gratuítos en todos os cursos de Infantil e Primaria, dotación de recursos, medios e profesorado abondo para os centros", entre outras posibilidades.
A CIG acusa a Xunta de favorecer fundamentalmente "ás grandes institucións relixiosas e grupos empresariais" que non só perseguen un fin lucrativo "senón tamén "un control ideolóxico e a transmisión dunha visión da sociedade cargada de prexuízos e de valores reaccionarios e dunha total desgaleguización. A denuncia ao fío deste informe inclúe tamén a presunta existencia de prácticas "que implican desbancar o ensino público daqueles lugares que son apetecíbeis para a iniciativa privada". O informe da CIG precisa que os centros privados están ubicados nos centros urbanos "desprazando os centros públicos á periferia" e critica que case a totalidade destas escolas privadas contan con servizos complementarios mentres "moitos dos públicos nin sequera poden incorporar o comedor escolar por non ter deseñado este servizo".
Segundo a análise realizada, que valorou a situación nas localidades onde hai oferta pública e concertada, a maioría das unidades do ensino privado concertado poderían ser absorbidas polo público. A CIG propón que en todo caso, nese proceso e mentres se manteña a dobre rede "a contratación do novo profesorado dos centros privados concertados debe ser mediante sistema público e transparente e os centros concertados deben ter as mesmas obrigas e rexir o seu funcionamento polas normas que teñen os públicos" e pide que se garanta que todo o alumnado de Infantil, Primaria e ESO dos centros públicos poida facer uso gratuito dos servizos complementarios , comedor e transporte, e que todos os centros escolares públicos de ensino non universitario oferten servizo de comedor, así coma a garantía dun mínimo de dúas actividades extraescolares gratuitas en todos os centros públicos.
Neste contexto, poñen en marcha a campaña "Unir voces en defensa do ensino público", baixo a cal se convocan concentracións para o próximo 28 de abril nas sete cidades de Galiza, e a celebración de asembleas en todos os centros, con resolucións de todos os Consellos Escolares municipais. Á beira, a CIG-Ensino presentarálle as súas propostas aos grupos parlamentares para que leven as súas iniciativas ao Parlamento de Galiza.