Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMPAÑA DE AMNISTÍA CONTRA A PENA DE MORTE

Un total de 3.797 persoas executadas no 2004

"Desgraciadamente as cifras publicadas hoxe son só a punto iceberg", laiouse Alberto Estévez, voceiro galego de Amnistía Internacional, "a verdadeira situación é difícil de coñecer, xa que moitos países continúan executando os condenados en secreto, malia contravir con iso as normas da ONU, que piden que se revele a información sobre a pena de morte". Ao longo do 2004 máis de 3.700 persoas foron executadas en 25 países e cando menos 7.395 foron condenadas en 64 Estados.

- 07:07 05/04/2005
Tags:

"Malia a tendencia mundial á súa abolición, estas cifras poñen de manifesto que segue sendo necesaria a acción concertada da comunidade internacional para relegar a pena de morte á historia. Por iso, Amnistía segue coa súa campaña de recollida de sinaturas para eliminar a pena capital, sobre todo a menores de idade, e felicítase do éxito da presión internacional que vén de conseguir que nos EEUU se deixe de executar a menores", gabou Estévez.

Un pequeno número de países son responsábeis da maioría das execucións levadas a cabo en 2004. China executou cando menos 3.400 persoas, e fontes do propio país calculan que as cifras reais poderían achegarse ás dez mil persoas. Os datos de Amnistía recollen tamén que Irán matou a 159 persoas, Vietnam a 64 e os EEUU a 59.

"É preocupante que a gran maioría das persoas executadas non tiveran un xuízo xusto. Moitas foron declaradas culpábeis con probas obtidas con tortura", denuncia Amnistía.


Ligazóns

0/5 (0 votos)