A estratexia necesaria fronte á posíbel perda dos fondos europeos dende o 2007 foi centro da iniciativa do BNG debatida este mércores no Parlamento Galego e apoiada por PP e PSdeG. O documento inclúe proposta a Madrid de políticas de redistribución territorial máis ambiciosas a través do Fondo de Compensación Interterritorial e petición á Unión Europea a prol do aumento dos investimentos en políticas de cohesión así coma unha atención especial ás rexións que coma no caso de Galiza están no gume do Obxectivo 1 por efecto estatístico e non por converxencia real. Malia o acordo, a oposición volveu insistir en cualificar de desbalde a xestión dos fondos realizada pola Xunta nos últimos anos e pediu un cambio de prioridades.