Malia que o norte luso ten máis de medio millón de persoas por riba da cifra galega de poboación activa, as taxas de paro a cada beira do Miño son ben diferentes. Se en Galiza a porcentaxe de desemprego chega, segundo o INE, ao 12,1%, na rexión veciña as cifras paran no 4,9%, o que estatisticamente se considera preto do pleno emprego. Son datos do informe socioeconómico da Eurorrexión presentado esta semana por Comisións Obreiras, que tamén destaca o maior peso do emprego industrial no norte portugués.
Son un total de 244 mil persoas sen emprego no conxunto da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, aínda que a diferenza é ben significativa. Galiza suma máis de 148 mil traballadores sen emprego, por 93 mil da Rexión Norte. Á beira deste dato hai que lembrar que o total de poboación activa é moito maior tamén na zona portuguesa, con case 1,9 millóns de persoas, por 1,2 millóns en Galiza. En cifras absolutas, isto supón que en Galiza hai aproximadamente o dobre de parados. A análise de CCOO repara en que estas cifras supoñen a metade da taxa media de paro da UE no caso portugués, mentres que Galiza dobra esa taxa.
Custos laborais reais similares
Malia a diferenza entre os sectores estudiados, coma media os custos laborais estrictos, que consideran o salario dos traballadores, as cotizacións empresariais á Seguridade Social e outros custos de traballo, son menores na Rexión Norte, quedando nun 70% da media galega. Aínda así, os custos reais rematan sendo practicamente iguais logo da análise estatística da productividade, que en Galiza é significativamente maior, quedando a da rexión lusa nun 58% sobre a media galega, e compensando así o diferencial de custos.
O informe tamén recolle o peso do emprego industrial na Rexión Norte, cun peso superior incluso á media da UE. O 30% das persoas ocupadas na área lusa traballan na industria, por só un 19% en Galiza.