"A cuestión non é a miña inclusión ou non", dixo Xosé Manuel Beiras en rolda de prensa no mediodía deste martes, insistindo en que é a militancia quen debe pronunciarse sobre onde debe estar "e a militancia xa se está pronunciando e piden que estea nun posto relevante". Beiras precisou que falaba coma presidente do Consello Nacional e que no sentido de vixiar polas normas internas de transparencia e rigor do BNG, na súa opinión é criticábel o adianto dos primeiros postos das listas provinciais da formación. "O lóxico era facelas no seu conxunto", insistiu.
"Xa teño dito que non fago acordos coa cúpula", subliñou Xosé Manuel Beiras, preguntado pola posibilidade de aceptar un segundo posto nalgunha das candidaturas provinciais, "quero que a militancia se exprese". "A miña toma de decisións dependerá do resto das candidaturas", explicou, "e non quero que a militancia se entere nos medios do que debe coñecer nos documentos".
Non quixo adiantar máis Beiras sobre a súa postura fronte a este debate interno do Bloque, remitíndose a unha opinión que xa lle tería sido manifestada polo miúdo á executiva da formación en novembro pasado. Así, renunciou a facer novas valoracións ata coñecer as listas completas dicindo non agardar "o límite de que ese conxunto de persoas non sexa aceptábel".
Mantén a súa candidatura
A proposta de cabeza de lista electorais presentada pola dirección do BNG non contou co apoio unánime da Executiva. Durante a xuntanza da tarde do luns, que durou máis de 4 horas, 11 membros votaron a favor da proposta da dirección, pero houbo tres abstencións: a de Xosé Manuel Beiras, a de Encarna Otero e a de Tareixa Novo. Amais, segundo Europa Press, Beiras presentou un voto particular e mantivo a súa candidatura como número un pola Coruña ou por Pontevedra. Desta forma, Beiras translada a súa proposta ao debate nas asembleas comarcais, que se convocarán a partir desta semana.
Na xuntanza da Executiva, Beiras criticou que a dirección do BNG presentase as listas electorais en dúas fases, primeiro os cabeza de lista máis o segundo posto pola Coruña e, antes das vacacións de verán, as candidaturas completas. Semella que Beiras, antes de ceder no pulso que mantén con Quintana, quere coñecer a composición definitiva das listas e non se conforma co anuncio dos primeiros postos. Porén, a dirección do BNG lembrou a través dun comunicado que foi o Consello nacional quen decidiu que as listas do BNG se eleborasen en dúas fases: "Non foi unha decisión gratuíta, con ela, a dirección nacionalista quería que a sociedade galega visualice, precisamente, o primeiro treito das candidaturas, a aposta do nacionalismo galego pola renovación e o cambio".
O propio Quintana reclamoulle a Beiras o seu apoio para a "renovación e modernización" do nacionalismo: "pídolle que me axude e que decida en que posto e por que circunscrición quere ser candidato", apuntou. Porén, semella que Beiras prefire que o debate sobre a súa candidatura a encabezar unha lista continúe vivo nas asembleas comarcais. Quintana, con todo, destcou que o BNG entende a renovación como un exercicio de "sumar e non de restar". Por iso, eloxiou o traballo desempeñado polos dirixentes nacionalistas que ocuparon as primeiras posicións no anterior proceso electoral: "continúan sendo activos importantantísimos para o nacionalismo galego e continuarán achegando toda a súa valía desde outros postos de responsabilidade".