Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
G>2005

A dirección do BNG propón a Carme Adán como cabeza de lista por Pontevedra

O comité de dirección do BNG presentoulle esta tarde á Executiva da formación nacionalista unha proposta coas persoas que encabezarán as listas para as vindeiras eleccións autonómicas. Segundo esta proposta, o portavoz nacional Anxo Quintana, lideraría a candidatura nacionalista pola Coruña, onde estaría acompañado pola adxunta á portavocía Ánxela Bugallo, na segunda posición na lista. O primeiro posto na provincia de Pontevedra ocuparíao a coordinadora da Aula Castelao de Filosofía, Carme Adán, e por Lugo, o portavoz no concello e na Deputación, Fernando Blanco. A maior sorpresa podería estar en Ourense, onde a dirección nacionalista optaría por Iago Tabarés, un xove avogado, concelleiro na cidade das Burgas.

- 18:22 28/03/2005
Tags:

A proposta de Quintana para as cabeceiras electorais interprétase, desde a dirección do BNG, como unha aposta pola renovación tanto política como xeracional do grupo parlamentario, incorporando persoas con experiencia na actividade municipal ou nos movementos sociais, o que no seu día Xosé Manuel Beiras cualificou como a "xeración CAF". Tamén se subliña que Quintana "quere que Beiras acompañe os candidatos da renovación e do cambio", aínda que non como cabeza de lista nin como número dous pola Coruña.

O relevo proposto no cumio parlamentario faise, por outra banda, elixindo a candidatos que, aínda reflectindo unha pluralidade de procedencia política –Bugallo pertenceu á extinguida Unidade Galega, Blanco é membro da UPG, Adán é independente, e Tabarés está afiliado ao PNG-PG–, non ostentan responsabilidades orgánicas de gran peso en ningún dos partidos e colectivos que conforman o BNG.

Con todo, a proposta de cabezas de lista que saia da xuntanza da Executiva será enviada para que se debata nas asembleas comarcais e posteriormente, sempre antes do verán, o Consello Nacional do BNG decidirá as listas definitivas.


0/5 (0 votos)