Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA A LINO BRAXE, DIRECTOR DE 'FOBIAS', MELLOR ESPECTÁCULO TEATRAL DE 2004

"A nivel artístico estamos á altura de calquera outro lugar"

A Lino Braxe é difícil apartalo da súa trupe, á que non deixa de saudar e dar apertas. Unha vintena de persoas, pertencentes á compañía Lagarta Lagarta ou relacionadas coa escola de teatro de Narón, que colaborou no proxecto, fanse fotos de conxunto ás portas do teatro Rosalía de Castro. Foi unha sorpresa que a montaxe de 'Fobias' acadase o premio María Casares ao mellor espectáculo, e así o celebran.

- 00:53 28/03/2005
Tags:

Vieiros: Foron estes todos os que votaron por vós?
Lino Braxe
: Si, supoño que si, hahah.

Foi unha sorpresa este galardón ao mellor espectáculo, non foi?
Non era unha sorpresa o premuio á mellor actriz, porque había tres candidatas e algunha nos tiña que caer, claro. E tampouco no caso do autor, porque despois de gañar un premio Max ao mellor texto galego sería un pouco raro, non?, que aquí non tivésemos o Casares. E a partir de aí todo era unha lotaría. Para min foi unha gran sorpresa. A miña quiniela cando tivemos as nove nominacións eran eses dous premios, non confiaba en ningún máis. Pero vaia,a profesión decidiu que o mellor espectáculo era o noso e estou moi feliz. Crin que llo darían a outra.

A cal?
Ao 'Ano do cometa'.

No chat que mantivo Mabel Rivera cos lectores de Vieiros a pasada semana sinalaba como unha das pexas do teatro galego esgotamento das formas, a falta de ideas innovadoras. Crelo ti así?
Non o sei, tampoucoestou hoxe moi reflexivo para opinar destas cousas. Creo que a única carencia que podemos ter neste momento é que as empresas privadas e as institucións non aposten por isto coma un sector de primeira liña. Nun momento dado fíxose coa moda, co viño ou co audiovisual, e creo que ao teatro lle cómpre que sexa así, que se crea nel. E mira, aquí fixemos unha gala, unha gala que facemos nós para premiarnos a nós mesmos, que tampouco é tan interesante para o público. E estaba o teatro cheo. Por iso para min é moi importante que a xente das empresas e das institucións asuman este desafio.

Daquela de calidade andamos ben?
A niveis artísticos e interpretativos estamos situados á altura de calquera outro lugar do mundo. Nin me considero máis nin me considero menos. Eu sempre cito os grandes mestres porque son os que teñen a razón, e dicía Laurence Olivier que el actuaba para dicir ben un texto e non bater cos mobles. E eu non digo tanto, pero cando iso o di un actor de provincias é considerado un actor secundario e cando o di un gran mestre, entón é un xenio. Eu non teño complexos, creo que o teatro galego goza da mesma mala saúde có resto dos teatros do mundo, que teñen todos moi mala saúde. Tamén sempre lle digo á xente do audiovisual que nós levamos dous mil anos facendo isto e que eles só levan cen.

Cres que a aposta por este tipo de comedia....
Comercial. Comedia comercial. Teatro moi ben feito, pero comercial.

...cres que esa aposta é unha saída para recuperar público?
É unha saída para recuperar público, alegría, actores, actrices... Eu sempre busco emoción e comunicación, e o resto impórtame bastante pouco. Despois se hai unha estética ou un texto estupendo, coma é o caso, pois mellor, pero o primeiro que hai que buscar, máis aló dunha boa luz ou dunha boa escenografía, é comunicarlle algo á xente, e que a xente se sinta identificada cunha proposta. Neste senso creo que 'Fobias' abre camiños.


Ligazóns

5/5 (1 votos)