Un total de 270 mil traballadores, porcentaxe do 46,7% sobre o total, reúne as condicións básicas da precariedade: contrato eventual, condicións salariais que non se corresponden co pactado e obriga de traballar máis horas das estipuladas sen cobralas. Son datos do estudio presentado este martes pola CIG, que ao tempo defende un incremento salarial mínimo de 42 euros por mes coma obxectivo para a negociación colectiva do 2005.
"Unha muller nova, que se incorpora ao mercado laboral nos sectores de hostelaría, servizos ou téxtil, que ten un contrato a tempo parcial pero fai xornada completa sen cobrala". Este é o retrato robot do traballador en precario en Galiza, segundo a análise da CIG. Co título Precariedade e sobreexplotación da forza de traballo nos sectores en Galiza, o informe foi explicado este martes en rolda de prensa por Antolín Alcántara, secretario confederal de negociación colectiva. Alcántara subliñou que a situación é consecuencia "das sucesivas reformas laborais, que nun período de 20 anos foron provocando a perda progresiva de dereitos adquiridos polos traballadores".
Ao fío, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, lembrou que a negociación colectiva debe facerse en Galiza e atendendo ás "necesidades reais" dos traballadores galegos , e nese sentido, expresou o rexeitamento dende a Confederación Intersindical Galega ao acordo interconfederal que asinaron os sindicatos CCOO e UXT coa Confederación Española de Organizacións Empresariais. "Repiten o esquema dos pactos acadados en anos anteriores, que demostraron na práctica que eran negativos para os traballadores e que lonxe de mellorar a súa situación laboral favoreceron os recurtes salariais e un incremento da precariedade", laiouse Seixo. Ao respecto, a CIG anuncia que a súa proposta para a negociación colectiva do ano 2005 baséase na suba de 42 euros por mes para os salarios e na loita polo establecemento de porcentaxes máximas de eventualidade en función de sectores e empresas.