Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A EMIGRACIÓN QUE NON CESA

Máis de 175.000 galegos emigraron desde 1990

Os 15 anos de goberno Fraga non conseguiron deter a saída de Galiza da poboación, especialmente a máis nova, na procura de mellores condicións laborais. Máis de 175.000 galegos emigraron fóra de Galiza por motivos de traballo entre os anos 1990 e 2004. Deles case un 70% tiña entre 16 e 44 anos. Son algúns dos datos que ofrece un informe da CIG elaborado a partir das cifras do Instituto Galego de Estatística. Éstes son datos referidos a aquelas persoas que decidiron emigrar e empadroarse no lugar de destino. Pero o informe sobre mobilidade laboral do INEM ofrece unhas cifras significativas: a ano pasado os galegos asinaron máis de 65.000 contratos para traballar noutros lugares do estado, especialmente Canarias, Cataluña, Madrid e Euscadi. De feito, só nas illas de Lanzarote e Fuerteventura viven na actualidade máis de 18.000 galegos.

- 10:51 17/03/2005
Tags:

A emigración: tendencia á alza
Galiza ten un dos saldos máis negativos do Estado entre a porcentaxe de traballadores que emigran a outras comunidades para empregarse e os que veñen de fóra. Segundo o informe do INEM, durante o ano pasado, os galegos asinaron 65.673 contratos para un posto de traballo noutro lugar do estado, fronte aos 37.673 formalizados aquí por persoas doutra comunidade. Se comparamos estes datos cos de 2002, comprobamos que a procura traballo fóra de Galiza está en aumento. Así, en 2002 asináronse 56.327 contratos, un 16,5% menos cos asinados en 2004. Os datos do IGE confirman esta tendencia. De feito, os índices migratorios incrementáronse desde o ano 2000, representando o 45,8 % do total da década (anos 1992-2003). Se en 1992 emigraron 7.916 galegos, en 2003 fixérono 22.548.

Os novos emigrantes: mozos e da costa
O fluxo migratorio que se produciu na última década presenta significativas novidades respecto á emigración tradiciconal. A procedencia dos galegos que emigran é maioritariamente das provincias de A Coruña, 40,8% (60.408) e de Pontevedra, 33,2% (49.159), o que vén representar entre as dúas, o 74% do total de emigrantes galegos a outras comunidades autónomas no período 1992-2003. De feito, o representante da CIG, Manuel Mera sinala que "esta é a primeira vez que se dá un proceso migratorio no que a procedencia das persoas que marchan á busca de alternativas laborais é maior das zonas costeiras que do interior, de comarcas como Ferrolterra, Barbanza, Costa da Morte, Morrazo, Bergantiños".

O que emigra, recunca
Ademais, en moitos casos, as persoas que emigran non o fan por primeira vez, o que dá idea, segundo a CIG, de que regresaron a Galiza para intentar atopar alternativas laborais e ante a ausencia destas optaron por emigrar de novo a outra comunidade autónoma. Tanto é así que a cifra dos que emigraron por segunda vez ou superior (86.742 persoas entre 1992-2003) é maior á dos que emigraron por vez primeira (71.094 persoas no meso período).


Ligazóns

0/5 (0 votos)