Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRECAMPAÑA 2005

Fraga faille sitio a Feijoo na lista do PP por Pontevedra

"Estivemos de acordo en todo", asegurou Manuel Fraga sobre a elaboración das listas do Partido Popular para a provincia de Ourense, asunto no cal o presidente da Deputación Provincial pediu plena autonomía logo da súa ameaza de escisión no partido. Malia todo, non semella ir haber consenso cos baltaristas noutro punto clave: a repetición de Cuíña coma número un por Pontevedra. A afirmación de Fraga de que Alberto Núñez Feijoo encabezará unha lista provincial, colócao necesariamente no posto que hai catro anos ocupaba o seu antecesor na consellería de Política Territorial.

- 08:02 16/03/2005
Tags:

Complicado reparto de postos nas súas listas electorais afronta o PP cara as próximas eleccións autonómicas. En Ourense a dirección do partido non terá nada que dicir e deberá apandar coas esixencias baltaristas adiando a resolución da crise a este nivel cara o escenario poselectoral. Por outra banda, en Lugo a ecuación boina-birrete semella ir atopar solución consensuada na primeira posición, segura para o actual conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro, mantendo a incerteza sobre os equilibrios por abaixo.

Toda vez que Manuel Fraga se reserva para si mesmo encabezar a lista da Coruña e vista a imposibilidade para o vicepresidente Alberto Núñez Feijoo, de entrar no liderado da candidatura pola súa provincia natal, Ourense, o actual conselleiro de Política Territorial iría primeiro por Pontevedra. Pero a polvoreira pontevedresa do PP tamén precisaría repartir espazos para os actuais conselleiros Xesús Palmou, Xesús Pérez Varela, Juan Rodríguez Yuste, Pilar Rojo, e moi especialmente para o ex conselleiro Xosé Cuíña, para quen os de Baltar esixían o primeiro posto, de igual xeito que xa acontecera no 2001, e tamén para o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, manifestamente enfrontado a Cuíña, e a voz máis belixerante contra os rebeldes durante a crise pechada en falso pola dirección popular.

Contámoslles de paso que segundo Europa Press o "profesional de prestixio" a quen Baltar lle tería ofrecido o primeiro posto por Ourense sería o xefe do servizo de cardioloxía do complexo hospitalario da cidade, Miguel Ángel Pérez de Juan.


Ligazóns

0/5 (0 votos)