Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TRES ANOS DE PROHIBICIÓN

Control do uso de terreos queimados

Fronte á polémica do pasado verán sobre o uso posterior dos terreos arborados queimados, a Xunta decidiu unha primeira achega ao respecto prohibindo o pastoreo e a práctica cinexética nas zonas afectadas polo lume. Ademais, serán precisas autorizacións específicas para o aproveitamento da madeira ao tempo que se promete declarar zonas de especial risco de incendios. Malia todo, a prohibición non inclúe compromisos para a recuperación dos terreos, alén de fixar a necesidade dunhas "axeitadas condicións de restauración da masa arborada", e restrínxese a un período de tres anos.

- 13:25 15/03/2005
Tags:

"Regular os aproveitamentos do monte coa finalidade de previr os incendios forestais e as súas consecuencias" é obxetivo do decreto de prevención de incendios e regulamento de aproveitamentos forestais que entraba en vigo a mediados do pasado mes de febreiro.

O documento tamén se refire aos permisos urbanísticos para as zonas queimadas, establecéndose tamén un prazo de tres anos dende o incendio deica a apertura de autorizacións para a construcción no solo queimado, requisito que se aplicará aos lumes que afectaran a máis de 1 hectárea de superficie.

Introdúcese ademais a posibilidade de declarar zonas de "especial risco" de incendios, que accederían a esta categoría pola "frecuencia ou virulencia" dos lumes ou mesmo tamén pola "conflitividade nos usos do territorio" que puidese recomendar medidas especiais de prevención. Nestes lugares prohíbese a utilización do lume para eliminar restos forestais "en calquera época do ano, agás xustificación técnica da inexistencia doutras alternativas". Ao tempo, poderán fixarse aquí perímetros de preferente ordenación para o pastoreo para que esa actividade se desenvolva unicamente no interior de cercados gandeiros.

Pouco antes, a consellería de Medio Ambiente facía pública tamén a resolución que declara "época de máximo perigo de incendios forestais" a comprendida entre o 15 de xullo e o 30 de setembro "así como calquera outro período do ano no que as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de lumes". Nese período queda "totalmente prohibido prender lume ao aire libre en toda clase de terreos forestais ou agrícolas e facer fogueiras de carácter lúdico fóra das zonas habilitadas para tal fin".

As medidas de seguridade acordadas inclúen tamén "a limpeza de camiños e pistas das explotacións forestais, así como as zonas de estradas, liñas eléctricas ou vías férreas, entre outras; e o establecemento duna faixa de seguridade de 15 metros de largo mínimo no perímetro das vivendas, edificacións e instalacións de carácter industrial situadas en zona forestal".


0/5 (0 votos)