Os sindicatos CCOO, CIG e UXT e o concello de Ferrol conmemoran hoxe con tres ofrendas florais distintas e dúas manifestacións a morte de Amador Rey e Daniel Niebla, os traballadores da Bazán abatidos a tiros pola policía franquista durante a folga de 1972. CCOO e UXT convocan unha manifestación no Día da Clase Obreira Galega que sairá ás sete da tarde da Praza do Inferniño baixo o lema "Pola igualdade e polos dereitos". Media hora máis tarde, sairá do mesmo lugar a manifestación convocada pola CIG baixo a consigna "Na defensa da comarca e dos dereitos sociolaborais". A CIG declinou participar na ofrenda floral organizada polo concello de Ferrol ante o monumento a Amador e Daniel, na que si estarán os representantes de CCOO e UXT. O sindicato nacionalista non estará neste acto porque entende que o concello "criminalizou" aos traballadores de Izar presentándose como acusación particular no caso sobre a suposta agresión ao primeiro tenente de alcalde, Juan Fernández, durante unha concentración de empregados do sector naval en xaneiro do ano pasado. A CIG tamén realizará unha manifestación Pontevedra, que sairá do Pazo da Cultura ás 11 da mañá.