A maioría do PP no parlamento galego aprobou o proxecto de lei de Fundacións de Interese Galego, definidas como "organizacións sen ánimo de lucro constituídas, por vontade dos seus fundadores, para fins de interese xeral". Tanto o BNG como o PSdeG rexietaron o proxecto de lei e denunciaron que a Xunta utiliza as Fundacións para impulsar un "novo caciquismo de deseño" e favorecer o "clientelismo político" por contratar á xente "pola porta de atrás". O portavoz do BNG, Alfredo Suárez Canal subliñou que a Xunta outorga prioridade ás Fundacións para xestionar servizos esenciais, como a sanidade, a asistencia social ou a educación", o que xera "unha rede de vínculos sociais que favorece á estrutura electoral do PP".
Suárez Canal asegurou que "a sanidade, a asistencia social ou o ensino só collen na administración pública e só deben ser potenciadas en base a criterios e fondos públicos". Ademais criticou que as fundacións suplanten "preceptos estatuarios", como a vertebración territorial, en alusións ás Fundacións de desenvolvemento comarcal.
O deputado do PSdeG, Pablo López Vidal, acusou á Xunta de "utilización perversa" dagunha das fundacións que "serven para taparlle as súas vergoñas" con "cantidades inxentes de diñeiro". López Vidal referiuse concretamente á Fundación San Rosendo de Ourense e acusou ao PP de "especular coas necesidades das persoas deficientes".
O deputado socialista sinalou que as fundacións non establecen "mecanismos eficaces" para que a selección de persoal se faga coa suficiente limpeza e garantía. Tamén precisou que no proxecto de lei "non se artellan os mecanismos necesarios de fiscalización e supervisión interna" para "salvagardar os seus intereses económicos".
Pola súa parte, o conselleiro de Presidencia, Xaime Pita, defendeu un proxecto de lei que, segundo el, "procura a plenitude da autonomía financeira" destas entidades e defendeu que esta iniciativa servirá para que as entidades galegas no exterior poidan ser recoñecidas como fundacións.