Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA CON DANIEL PINO, SOCIÓLOGO

"As Deputacións deberían desaparecer como órgano territorial galego"

Unha organización do territorio baseada nas comarcas e nas áreas metropolitanas, a desaparición das Deputacións Provinciais como órgano territorial galego, a fusión de concellos para facelos máis operativos na achega de servizos aos cidadáns e a aposta polo desenvolvemento da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal son algunhas das propostas presentadas no documento de Bases do Novo Estatuto para Galiza. O coordinador do relatorio sobre Ordenación do Territorio, o sociólogo e urbanista Daniel Pino, precisa nesta entrevista a Vieiros o contido desas propostas dirixidas a racionalizar os recursos e vertebrar o país.

- 09:17 04/03/2005
Tags:

Cales son ao seu xuízo as principais deficiencias do actual modelo de ordenación do territorio galego que fan necesaria a súa reforma?
O tratamento xurídico igualitario e uniformizador de realidades ben distintas, como é o caso das áreas territoriais urbanas ou metropolitanas e as nidiamente rurais.

As Bases do Novo Estatuto propoñen a comarca como unidade básica de organización territorial. Supón isto a desaparición das provincias e, por tanto, das Deputacións Provinciais?
As Bases propoñen como unidades de organización territorial dúas entidades distintas: a comarca e a rexión urbana e/ou áreas metropolitanas. Evidentemente, un Estatuto que se guiara por estas Bases, conlevaría a desaparición das Deputacións como órgano territorial galego, independentemente de que o Estado queira conservar a Provincia como ente da súa administración periférica, xa hoxe abondo valeira de contido.

Outra das propostas das Bases é a redución do número dos concellos galegos mediante un proceso democrático de fusión. Cre que isto é posíbel a medio prazo ou que é unha "utopía" como o cualificou recementemente o presidente da FEGAMP?
No documento de Bases enténdese que calquera reforma neste eido debe basearse no consenso maioritario, ainda que non se propoñen cifras para esa expresión de vontades de poboación e dos propios concellos. Eu coido que, en calquera caso, a forza dos feitos (despoboación crecente dun fato moi grande de concellos) levará de seu á necesaria reforma, porque unha maioría dos actuais concellos non pode cumprir cos servizos que lle demandan as leis.

Cales serían as vantaxes da organización territorial en base a comarcas e concellos redimensionados?
A racionalidade, a economía, o acaemento das dimensións ao ensanchamento real do espazo en función da mobilidade actual. A única forma de emprender reformas necesarias que garantan a permanenecia da poboación no territorio sobre bases de sustentabilidade.

Propoñen tamén a creación de dous espazos metropolitanos en A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra. Cales serían as súas características e institucións específicas?
Sen ánimo de sermos exhaustivos, o urbanismo, o medioambiente, o transporte, os servicios básicos, o turismo, etc., deben ser regulamentados por entes supralocais nas grandes aglomeracións urbanas.

As parroquias xogarían algún papel neste novo deseño?
Eu entendo que a parroquia é unha institución nidiamente rural, e como tal só pode ter roles nos territorios claramente rurais, sempre que dispoña de medios técmicos, humanos e económicos. Por desgracia, é unha institución do pasado porque hoxe está a desaparecer ben por falta de membros que a sosteñan, ben por sobrabundancia de poboación que xa non vive dos recursos básicos nin depende da terra para a subsistencia.

En que medida as propostas das Bases axudarían a fixar a poboación no medio rural e superar os desequilibrios entre a Galiza da costa e do interior?
Na medida que permitiría racionalizar os recursos do territorio.

Até que punto e en que ámbitos cre que é preciso fomentar a eurorexión Galiza-Norte de Portugal tal e como propón o documento de Bases?
A Eurorexión Galiza-Norte de Portugal é o feito máis importante dende a óptica territorial acontecido no último medio século. A súa existencia e opertividade real xa, é a úncia garantía de desenvolvemento económico para todo o noso país. O alargamento do espazo económico permite a creación dun mercado de case 8 millóns de persoas, fronte aos escasos tres millóns de Galiza.


Ligazóns

0/5 (0 votos)