Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONVIDADO Á TOMA DE POSESIÓN

Beiras gaba o "exemplo de participación popular"

O presidente do consello nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, deulle a benvida ao "triunfo popular das forzas de esquerda uruguaias" e destacou "a amplitude no traballo político" e o "acerto de ter fixado unha estratexia de portas abertas que abriu paso a un cambio de goberno feito pola xente".

- 09:42 01/03/2005
Tags:

Beiras enmarcou a vitoria da esquerda uruguaia no contorno dun proceso de cambio político que lle afecta a toda suramérica e que inclúe Arxentina, Brasil e Venezuela, e dixo estar seguro do éxito do proxecto do novo goberno liderado pola Fronte Ampla.

En visita ao país para asistir ao acto oficial de investidura do presidente Tabaré Vázquez, o deputado nacionalista destacou a participación de milleiros dos galegos que viven no país neste proceso de cambio social e político e dixo agardar que do mesmo xeito en Galiza este ano chegue tamén ao poder "o primeiro goberno de esquerdas".

A delegación do BNG, convidada oficialmente polo Frente Amplio, celebrou xuntanzas co líder do Movimento de Participación Popular, o senador e actual Presidente do Parlamento José Mujica, quen será o novo ministro de Gandería, Agricultura e Pesca, e con membros do seu futuro gabinete, cos que falou das futuras relacións entre o mundo da pesca galega e uruguaia. Están previstas tamén xuntanzas co futuro ministro de Exteriores, Reinal do Gargano.

Hai previstos tamén encontros co Partido Patria para Todos de Venezuela e con deputados de orixe galega do Frente Amplio, e dos partidos Comunista e Socialista de Arxentina.


0/5 (0 votos)