O PP mudou este xoves no Congreso o discurso oficial sobre os lumes en Galiza. Se o pasado verán subliñaba a intencionalidade da maioría de lumes, desta volta achácalle os incendios galegos "á orografía e circunstancias pluviométricas". Ao tempo, os votos de PSOE, IU e ERC negábanlle cota a Galiza no reparto das axudas urxentes polos lumes do pasado verán. Lembrámoslles que hai meses que dende oposición e sindicatos piden que se detalle polo miúdo como gasta a Xunta os cartos contra o lume. De paso, e mentres o inverno seco agoira un novo verán de alertas, segue sen haber compromiso da administración galega para deseñar cos sectores afectados un plan anti-incendios.
Advertía hai meses o sindicato CCOO, que o "evidente fracaso" das políticas aplicadas dende a Xunta na loita contra o lume facía cada vez máis necesario que se coñecese "polo miúdo" en que tiña gastado a administración "os millóns de euros que a Xunta di ter empregado no combate dos incendios".
"Os lumes apáganse no inverno". Ecoloxistas, axentes forestais, representantes de asociacións de montes... coincidían na súa análise da situación nesta frase como resumo da convicción de que en Galiza é imprescindíbel facer algo máis ca destinar recursos para apagar os lumes cando estes se producen. Quince anos despois de que Manuel Fraga, na súa entrada na política autonómica, prometese ir acabar cos incedios en seis meses, e moitos millóns de euros gastados máis tarde, a pé de monte veciños, ecoloxistas e políticos critican a insistencia do goberno galego en darlle as costas ás advertencias do sector.
Os expertos consultados por Vieiros coinciden en avisar que os motivos para queimar o monte son múltiples e que as estratexias deben deseñarse atendendo a esa multiplicidade. Así, a estratexia non pode seguir centrándose na extinción, que suma a práctica totalidade dos investimentos da Xunta e faise necesaria unha estratexia real sobre a prevención. A maiores, denúnciase que a administración galega mesmo creou novos problemas: electoralismo coas brigadas de extinción e unha "cultura do lume" arredor da que se moven importantes cantidades de diñeiro. Todos coinciden no primeiro chanzo: que a administración abra foros de traballo multidisciplinares para o debate e deseño de estratexias.
O Congreso aparta a Galiza da lista de receptores de axudas
Andalucía, Cataluña, Aragón, a Comunidade Valenciana, A Rioxa e Navarra serán as comunidades beneficiadas pola bolsa de axudas urxentes que o Congreso asinou para a reparación dos danos causados polos lumes forestais durante o 2004. PSOE, IU e ERC votaron contra as emendas ao proxecto de lei que apoiaban PP, CiU, PNV e BNG e que propoñían que Galiza e Extremadura fosen incluídas na lista de receptores destes cartos. O argumento para rexeitar a inclusión foi a intencionalidade dos lumes en Galiza, xa que segundo o executivo trataríase de axudas para a resolución de circunstancias excepcionais. Dende PP e Bloque defenden que esas axudas sexan independentes da causa dos lumes.