O campionato estatal de loita celebrouse esta fin de semana en Xixón, cuns excelentes resultados para o equipo galego: catro ouros, catro pratas e seis bronces individuais, un ouro e unha prata por equipos e un ouro ademais por clubes, sumando os resultados de grecorromana e libre olímpica.
En loita libre olímpica, os ouros foron para Iván Castro (84 kgs), Nicolás Castro (96 kgs) e Xosé Cuba (120 kgs). Conseguiron a prata Raúl Pereira (55 kgs), Miguel Casqueiro (60 kgs) e o ourensán Óscar Fernández (84 kgs) que caeu derrotado na final polo vilalbés Iván Castro, mentres que os bronces foron para Miguel Mastiopinto (66 kgs), Pérez Villanueva (74 kgs) e Diego Pallares (96 kgs). Ademais, nesta categoría venceu o vilalbés Iansu por clubes, e a selección galega impúxose e revalidou o seu ouro por equipos.
En grecorromana, o ouro foi para o crucense Rubén Méndez (55 kgs), mentres que a prata foi para Moncho García (84 kgs) ao caer derrotado ante o canario Pedro García, nunha acción de "mala sorte", segundo afirmou o propio García. Os bronces foron para Marcos Carral (60 kgs), Xacobe Novoa (96 kgs) e Marcos Veiga (120 kgs). Por equipos, Galiza quedou segunda, a un só punto da selección catalá.
Ademais, os gañadores individuais teñen todas as posibilidades para conseguir o billete para os Xogos do Mediterráneo, en Almería.