Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOBRE A POSÍBEL PERDA DA CONDICIÓN DE REXIÓN OBXECTIVO 1

As trécolas do 75%

Galicia está na actualidade no limiar do 75% do PIB per capita comunitario (76,6% en 2002 e 74,4% de media no trienio 2000-2002), considerado como charneira para seguir sendo ou deixar de ser Obxectivo 1 a efectos da percepción de determinado tipo de Fondos Estruturais da UE. Claro está que a razón fundamental pola que Galicia se sitúa de súpeto no 75% é o chamado efecto estatístico provocado pola ampliación da UE a 25 membros, con 10 novos socios que teñen baixísimos níveis de renda, situando o nível medio do conxunto un 10% máis baixo e provocando un salto automático en todas as rexións que formaban a UE-15 duns 10 pontos porcentuais. Galicia estaba no 66,5% na UE-15 en 2001 e pasa a estar no 76,6 na UE-25 en 2002. Un artigo de Xavier Vence.

- 13:05 16/02/2005
Tags:

Resulta moi cuestionábel que no momento de negociar a adhesión destes novos países non se mudase ese limiar do 75% para evitar o impacto que ese efecto estatístico tería na política de coesión. Os problemas estruturais e desenvolvemento das rexións que antes estaban por debaixo do 75% non mudan, nin desaparecen, nin se amortecen polo mero feito de que se incorporen estes 10 países máis pobres. Antes ao contrario, cabe pensar que en moitos aspectos se vexan negativamente afectadas (pola competencia por exemplo en productos agrarios, man de obra de baixos salarios, etc.).

A razón pola que non se mudou ese limiar foi unha decisión política, forzada pola presión dos países máis ricos (os contribuíntes netos) para limitar o orzamento comunitario e non aumentar os fondos destinados á política rexional. O esforzo de coesión territorial considerouse inasumíbel por parte dos países máis ricos, a pesar de estar moi interesados na entrada dos novos países. O Goberno Aznar que negociou a Axenda 2000 e a ampliación non soubo ou non seguiu unha estratexia adecuada para defender esa modificación. Por outra parte, é unha decisión que se inscribe nunha viraxe cara políticas de orientación neoliberal no conxunto da UE, nas que os principios de coesión e solidariedade van perdendo peso.

En todo caso hai outros catro factores adicionais que merecen ser tomados en consideración.

Á hora de avaliar a existencia dun proceso de converxencia compre ter presentes algúns aspectos discutíbeis na definición dos indicadores e das estatísticas utilizadas para realizar as comparacións:

1. A evolución do PIB per capita sintetiza a relación entre o PIB e a poboación ao longo do tempo. É esencial distinguir entre o efecto do aumento do numerador (PIB) e o efecto das diferencias na evolución do denominador (poboación). O significado económico dun aumento do PIB per capita debido a un aumento do PIB é completamente diferente dun aumento do PIB per capita debido a unha caída da poboación.

Comparemos dúas rexións hipotéticas: unha dinámica (A) e outra en declive (B). Na economía A, un maior crecemento do PIB reflicte un maior dinamismo desa economía, un maior ritmo na producción de bens e servizos. Ese dinamismo na producción pode ir acompañado dun aumento da poboación, e se este é elevado pode traducirse nun aumento moderado do PIB per capita. No caso contrario, unha economía pouco dinámica (B), cun aumento moderado do PIB pero cunha reducida capacidade de creación de emprego (acompañada dunha alta taxa de paro e salarios baixos) pode estar expulsando mao de obra a un forte ritmo, pode experimentar unha baixa taxa de natalidade e mesmo un aumento da taxa de mortalidade, de xeito que perde poboación en termos netos de xeito que o seu PIB per capita neses anos pode aumentar a taxas superiores ás da economía A. Sen poñernos no caso extremo, basta con que o aumento da poboación se produza a un ritmo moi reducido, menor que as demais.

Na medida en que o indicador comparativo que utilicemos sexa exclusivamente o PIB per capita ese tipo de evolucións poden producir a ilusión dunha converxencia no PIB per capita. Claro está que ese tipo de ilusión pode manterse tan só no curto prazo: a longo prazo se manteñen ese tipo de tendencias o que irá ocorrendo é que a producción e a poboación irase concentrando na economía A e a economía B irá perdendo peso progresivo en producción e en poboación. Pasado un tempo, as forzas acumulativas do declive irán dando lugar a taxas de crecemento do PIB per capita tamén menores, caendo nun círculo vicioso de baixo crecemento e despoboamento.

Por iso o PIB per capita é un indicador moi deficiente para determinar a converxencia entre economías, entre territorios. Podería dicirnos algo sobre a posición relativa dos individuos medios dos diferentes territorios pero ignora o que acontece coa dimensión sustantiva dun territorio: a súa poboación.

Xustamente ese é un aspecto clave para entender a evolución do PIB per capita de Galicia en relación a outros territorios españois ou europeos nos últimos lustros. Galicia vive un declive demográfico moi importante nos anos noventa e experimenta un reducidísimo aumento nestes primeiros anos do século.

É un sarcasmo considerar converxente a un territorio que está a perder poboación e no que a súa poboación está a emigrar cara a outros territorios. O despoboamento é o principal síntoma de declive dun territorio, pero tomando como indicador o PIB per capita ese despoboamento pode ter unha contribución perversa a hora de xenerar unha imaxe de falsa converxencia durante un tempo.
Polo tanto, a evolución comparativa do PIB per capita debería, cando menos, utilizarse de xeito complementario a un indicador de evolución do crecemento económico do PIB do territorio como tal. Podería tomarse en consideración a desviación da variábel poboación deses territorios a respecto do crecemento demográfico medio nun período intercensal; ou ben, tomar o saldo migratorio intercensal como un criterio adicional.

2. O problema das unidades monetarias para a comparación: a distorsión discutíbel das paridades de poder de compra (PPC).
As comparación do PIB per capita que manexa a Comisión para establecer as comparación entre os países e rexións non están expresadas en Euros senón en paridades de poder de compra. As PPC estímanse en función da capacidade de compra de cada euro dentro de cada estado, en función do nivel de prezos dunha cesta de consumo común. Nos países con prezos máis elevados un euro traducirase nun número menor de PPC, en tanto que nos países de prezos máis baixos un euro tradúcese nun número maior de PPC. Iso quere dicir que unha rexión cun PIB per capita que se sitúe no 60% da media expresada en euros se poda situar nun 90% da media medido en PPC; ou que unha rexión situada nun 80% da media en euros se sitúe nun 70% da media en PPC. O primeiro é o que pasa, por exemplo, coas rexións pobres de Portugal, Grecia ou Estado Español e o último é que pasa con rexións intermedias de Alemania ou Reino Unido.

Polo tanto, as comparacións en PPC tenden a dar unha imaxe de menor desigualdade, os máis ricos parecen menos ricos e os máis pobres parecen menos pobres.

Pero, cal é o problema?. Hai dous grandes problemas. O primeiro problema está en que as PPC poden ter unha significación para comparar as capacidades de consumo da poboación, na medida en que realice as suas compras localmente, pero perde calquer significación á hora de comparar capacidades productivas (que é o que mide o PIB). O que producen as nosas empresas e o que venden non o fan en PPC senón que o fan en Euros, obviamente. E o euro é o mesmo aquí e en Berlín. Polo tanto, ao ponderar a nosa producción en PPC estamos sobrevalorándoa ao mesmo tempo que se minusvalora a dos países ricos. E iso é un exercicio que encobre e enmascara as desigualdades.
Outro tanto cabería dicir a respeito das importacións ou os gastos no exterior: cando os alemáns, suecos ou holandeses veñen de vacacións aquí pagan os nosos prezos cos seus euros, que son os mesmos que os nosos; nós cando nos imos alí tamén temos que pagar os seus prezos cos nosos euros. Se eles compran un terreo, unha casa, un apartamento ou calquer outra cousa aquí os seus euros non valen menos que os nosos. Igualmente, se importamos productos de calquera deses países temos que compralas en euros, non en paridades.

En definitiva, o peso relativo da nosa economía ha de compararse en euros e non ten ningún significado a comparación en paridades, cando estamos no mesmo mercado, na mesma área monetaria e coa mesma moeda. Desde o lado da oferta, as paridades non significan nada.
Por outro lado, o segundo grande problema é que como as PPC se calculan para cada Estado e non para cada rexión, hai situacións en que a corrección polas paridades pode resultar especialmente distorsionadora. O caso máis notable é Alemania: é sabido que os niveis de prezos nos Estados de renda baixa da antigua RDA son moi inferiores aos da Alemania Occidental, porén as paridades aplicadas son as mesmas. Deste xeito, 1 euro en Saxe ou en Turingia convertese en 0,90 PPC en tanto que 1 euro en Galicia se converte en 1,16 PPC .

Como consecuencia diso, Galicia con 13.951 euros per capita cae fora do Obxectivo 1 (porque en PPC nos situamos no 76,6% da media) e en cambio Saxe, Turingia, Brandenburgo, Mecklenbourg-Pomerania, todos eles con máis de 17.000 EUROS per capita, resulta que seguen como Obxectivo 1 (porque en PPC están ao redor do 73% da media). Algo análogo pasa con outras como Cornualles (17280 Euros) ou Gales (17982 Euros) no caso Reino Unido.

3. Un terceiro tipo de problemas é o que ten que ver co período de cómputo. Actualmente parece que está máis ou menos acordado que o período de referencia para decidir que rexións entran no Obxectivo 1 e cais non vai ser a súa posición con dados de 2001-2003. O problema está en que as cuestións de converxencia non son asuntos de curto prazo senón de longo prazo e pode ocorrer que a nosa posición relativa varíe en función da fase do ciclo económico escollida para facer a comparación. Vexamos. Desde principios da década as principais economías da UE pasan por unha fase cuase-recesiva, o crecemento económico de Alemania, Francia, etc pasa por un ciclo baixo; Galicia (con España) atravesa unha fase de crecemento moderado pero superior á estes países, entre outras cousas porque exportamos menos fora da UE e, polo tanto, non nos penaliza tanto o tipo de cambio alto euro/dolar destes últimos anos. Como consecuencia, nese trienio a posición relativa de Galiza mellorou algúns pontos (desde o 73,5 ao 76,6%, en PPC e para UE-25). Pero esa melloría pode ser facilmente reversíbel na medida en que eses grandes países retornen a un ciclo expansivo. De feito fluctuacións desa amplitude xa se teñen producido no pasado (tanto na recesión de principios dos oitenta como na de principios dos noventa Galicia tivo un certo acercamento cara a media que na fase seguinte do ciclo ou se perdeu ou se estancou). Se iso é así Galiza pode volver encontrarse por debaixo do 75% en moi pouco tempo, pero xa estaría excluída dos Obxectivo 1. ¿Cal debería ser a alternativa?. O máis defendíbel tecnicamente sería tomar como referencia períodos máis longos (cando menos cinco anos).

4. Por último, hai un aspecto que ten a súa importancia cando as cifras se moven xusto ao redor da fronteira. No PIB de Galicia destes anos estanse contabilizando non só os fluxos de producción e renda ordinarios senón tamén os producidos polos propios fondos europeos, que representan unha parte notábel do crecemento do noso PIB neses anos. ¿Que ocorre se de pronto se corta ou se reduce considerabelmente ese fluxo de entrada de fondos?. Ben pudera ocorrer que o PIB per capita de Galicia caera de novo por debaixo do limiar do 75%.

Todos estes factores deberían ser postos enriba da mesa á hora de valorar a nosa situación real e á hora de negociar a permanencia de Galiza dentro o Obxectivo 1 (agora "converxencia") e impedir que a decisión se poda adoptar por aplicación puramente matemática do indicador PIB per capita dun bienio moi particular.

En todo caso, o grande reto que ten asumir Galiza é o de avaliar con rigor a eficiencia coa que utilizou os fondos percibidos até o presente e repensar con intelixencia usos alternativos portadores de maiores potencialidades de cara o futuro. Situarse con firmeza na economía baseada no coñecemento, para darlle recorrido innovador ás actividades nas que hoxe temos certas vantaxes e fortalezas.

  • Xavier Vence é catedrático de Economía Aplicada da USC


  • 0/5 (0 votos)