Para o ano 2007, cando Galiza deixe de recibir os fondos europeos, na caixa do goberno galego haberá ata preto dun 60% menos de cartos cos que investir no país. Así o explica a análise dun economista da Universidade Complutense que colle o caso galego para avaliar o impacto nas economías rexionais da revisión do financiamento europeo.
Unha media de 565 millóns de euros menos cada ano durante o período 2007-2011, tal é o agoiro que á Xunta lle fai Alfonso Utrilla, da Universidade Complutense, no informe realizado para o Instituto de Estudios Fiscais sobre os instrumentos de solidariedade interritorial no marco da revisión da política rexional europea. O recurte ás contas galegas sería no peor dos casos, o da perda total dos fondos, dun 57,8% nese ano 2007 e seguiría supoñendo nos anos posteriores a reducción á metade do poder investidor do executivo. Utrilla fai a súa análise sobre un prognóstico de investimento orzamentario da Xunta que estaría preto dos 1.100 millóns de euros no ano 2011.
O investigador tamén analiza a situación nunha hipotética reducción á metade dos fondos, establecendo nese caso o efecto financieiro para a comunidade galega nunha media do 32% menos cada ano, e subliña a necesidade de facer un esforzo a través de fondos de compensación interterritorial para corrixir as eivas que introducirá o peche da billa europea. En números, ese esforzo a prol de Galiza debera supoñer un incremento do 138% sobre as achegas previstas dende o goberno central para o ano 2007 e non debera baixar nese treito 2007-2011 dos catrocentos millóns de euros por ano.
Problemas atrás da estatística
Alén das propias cifras, o analista tamén repara en que a miudo as capacidade para xerar actividade económica e manter un nivel de crecemento sostido que se advirte en territorios coma o galego amosa importantes sinais de debilidade coma son as baixas taxas de ocupación e o maior avellentamento da poboación que implica maiores gastos sociosanitarios e elevada perda demográfica nas idades "potencialmente produtivas". Repara Utrilla ademais en que comunidades coma Galiza teñen experimentado "procesos de perda demográfica que afrouxan a presión da poboación sobre a renda", é dicir: en comparación coa media estatal e europea o PIB aumenta polo estancamento demográfico, sen que na realidade se resolvan os problemas estruturais da economía.
A recomendación de Utrilla para este escenario é xustamente que se promova un fondo de compensación interterritorial reformado que "atenda aos problemas de desenvolvemento rexional" cunha visión máis ampla e "máis próxima á filosofía da política rexional europea". Asimesmo, a nova estratexia deste fondo debera non só fixarse nas comunidades co máis baixo nivel de renda per cápita, senón con aquelas onde a maiores a perda de potencial da rexión está explicada polo "declive económico e demográfico".