Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO CUMIO DE DAVOS

Demite un xefe da CNN logo de criticar os ataques a xornalistas do exército USA

Testemuñas dun dos debates privados que tivo lugar no foro de Davos, coma o congresista demócrata Barney Frank, aseguran que Eason Jordan, director de informativos da CNN, acusou directamente ás tropas USA de considerar "obxetivo militar" en Iraq á prensa. Logo que a comunidade blogueira estendese a noticia, Jordan di agora que as súas palabras se entenderon mal, que non pensa que os militares actuaran con mala intención e anuncia a súa demisión para non afectarlle á imaxe da súa canle.

- 11:31 15/02/2005
Tags:

"Decidín demitir, logo de 23 anos na CNN, nun esforzo por evitar que a CNN se vexa lixada inxustamente pola controversia polas diferentes versións das miñas recentes palabras sobre o alarmante número de xornalistas mortos en Iraq", afirma Eason Jordan nun comunicado. Dende Davos, os organizadores da xuntanza insisten en que non se publicará transcrición dos comentarios, xa que estes se produciron nunha das reunións off the record do foro, estando comprometidos a non facer público o que aló se dixo.

Ao respecto referiuse o director de información internacional da BBC, Richard Sambrook, outro dos presentes na xuntanza, quen recoñeceu que no foro se falou da falta de respecto dos militares ao labor informativo dos xornalistas e subliñou a "inaxeitada explicación do ataque ao hotel dos xornalistas en Bagdad", o Palestine, "onde foron asasinados un cámara de Reuters e un dunha canle de televisión española no ano 2003", en referenza ao suceso onde morreu o cámara galego Xosé Couso. "Era ben coñecido, incluído no Pentágono, que o Palestine era usado polos xornalistas e nembargantes foi atacado directa e premeditadamente. Por que?", pregúntase Sambrook.

Sambrook advirte que en todos os casos en que xornalistas foron asasinados por militares en conflitos "foi case imposíbel abrir unha investigación pública que dea contas ás familias e amigos". "Moi pouca información é feita pública, malia que sabemos que se fan investigacións os resultados non se fan públicos", láiase Sambrook.

O propio Eason Jordan fixera declaracións similares anteriormente, e nunha conferencia en Portugal recollida polo xornal inglés The Guardian a finais do 2004, afirmara que "as accións falan máis forte que as palabras: a realidade é que cando menos dez xornalistas foron asasinados polo exército USA, e que segundo as informacións que eu teño, xornalistas foron tamén arrestados e torturados polas forzas USA".

Contámoslles por outra banda que este martes se presenta na galería de Sargadelos, en Santiago, o I Premio Xosé Couso de Liberdade de Prensa.


Ligazóns

0/5 (0 votos)