O conselleiro de Pesca, Henrique López Veiga, asegurou que o efecto da marea negra do Prestige foi menor que o que causou o accidente do Mar Exeo, grazas á decisión do daquela director xeral da Mariña Mercante, López Sors, de afastar o petroleiro. Para López Veiga, conducir o Prestige a un porto "podería inhabilitar a pesca galega durante varios anos, con gravísimas perdas neste e noutros sectores en amplas zonas de Galiza". Tamén asegurou que volvería actuar como o fixo durante o Prestige, ou sexa, "colaborar lealmente e calar o que hai que calar, para non poñerse de lado do Fidac. Poñerme co inimigo, nunca", en referencia á demanda presentada por Nunca Máis no xulgado de Corcubión.
Na súa comparecencia perante a comisión de investigación do Prestige, o conselleiro de Pesca comparou os efectos sobte os recursos pesqueiros do Prestige cos do Mar Exeo, que en 1992 embarrancou fronte á Torre de Hércules, verquendo 71.000 toneladas.
O conselleiro lembrou que a zona de Mugardos, As Pías e a Ría de Ferrol e os seus recursos pesqueiros e marisqueiros quedaron "bastante máis afectados" por este verquido que o que causou o fuel do Prestige.
Nesta liña, López Veiga apuntou que algunhas especies, como o polbo, desapareceron ese ano polo Mar Exeo, mentres, pola contra, no caso do fuel do Prestige os efectos sobre as especies "está sendo mínima" e "non se rexistraron en ningunha delas índices de mortandade superiores aos normais".
O conselleiro asegurou que 2004 foi o ano "máis abundante" desde 1998 en cefalópodos e mariscos, entre os que puxo o exemplo do percebe, a centola e a nécora. "Digo o que hai e que cada quen tire as súas consecuencias", engadiu.
Un paquete de medidas para a UE: Prestige 1
López Veiga, propuxo tamén que a Unión Europea lexisle un novo paquete de medidas, o "Prestige 1", para evitar accidentes como o do Prestige. O conselleiro defendeu esta iniciativa durante a súa comparecencia na Comisión de Investigación do Parlamento de Galicia sobre o Prestige.
"Os cidadáns galegos esperan desta Comisión unha discusión serea. Trátase de mirar o futuro", asegurou López Veiga. Segundo o conselleiro, o paquete de medidas que debería lexislar a UE tería que incluír, entre outros puntos:
- Aumento das esixencias ás aseguradoras do armador para que respondan cunha póliza de alomenos 1.000 millóns de €, os custos medioambientais que se estiman para o Prestige
- Regular unha nova política da Mariña Mercante na UE para evitar as bandeiras da conveniencia
- Supervisión da competencia das tripulacións
- Creación dun sistema europeo de vixilancia e sanción dos vertidos
- Elevación a nivel europeo das medidas adoptadas unirateralmente por España, Portugal e Francia
- Formalización de instrumentos financeiros áxiles na UE para compensar ós estados que sofren estas catástrofes
- Regulación dos portos de refuxio na UE incluíndo o financiamento compensatorio para as areas que alberguen estes portos
- Deseño dun sistema rápido para calcular os custos dos danos medioambientais e socioeconómicos
Xestión "correcta" da crise
Por outra banda, López Veiga explicou a actuación do seu departamento durante a crise causada polo petroleiro. López Veiga cualificou de "correcta" a xestión da crise do Prestige; aínda que recoñeceu que, como todo, pode ser mellorada. O conselleiro reafirmou a vontade de seguir informando "con total transparencia" sobre o acontecido. Neste sentido, Veiga deu a coñecer hoxe que durante os primeiros días da crise "atendeu persoalmente e en repetidas ocasións" as peticións de información realizadas por deputados autonómicos de partidos da oposición.
No referido ás axudas directas ó sector pesqueiro polo parón da actividade, Veiga asegurou que as axudas superaron ós 115 millóns de € para 20.162 persoas. O conselleiro destacou a rapidez destas subvencións, que foron reguladas incluso antes de que chegaran as primeiras manchas á costa.
A Xunta de Galicia estableceu un sistema paulatino de reapertura da actividade pesqueira que permitiu que os productos galegos volvesen os mercados con bos prezos e sen incedentes. Sobre a situación actual dos recursos pesqueiros López Veiga insistiu en que "fan falla cando menos tres anos para poder considerar se houbo ou non danos, aínda que os síntomas hoxe son positivos".
Competencias
Canto á xestión do accidente e a loita contra a contaminación, o conselleiro indicou que son competencias exclusivas do Estado. "Na loita contra a marea negra a Xunta actuou como colaboradora da Administración Central" indicou Veiga, para que este reparto competencial segue sendo o máis adecuado.
O conselleiro afirmou que é imposible conter totalmente unha marea negra. "Non se lle pode inculcar a idea á sociedade -como se fixo insistemente no caso do Prestige- que unha marea negra se produce ou non dependendo de como se xestiona o accidente, porque a única marea negra que se contén é a que non se produce". En todo caso, López Veiga expuxo que o Prestige foi o accidente no que se reuniron máis medios internacionais anticontaminación. Sobre o cambio de rumbo do buque, Veiga indicou que "non foi unha boa idea" e informou que a responsabilidade deste cambio foi da empresa de rescate contratada polos armadores.