A petición dun "período transitorio" para Galiza no que poida contar con fondos comunitarios despois da perda da cualificación de rexión obxetivo 1 será tema clave na axenda que o conselleiro de Xustiza, Xesús Palmou, leve á xuntanza que este martes terá coa comisaria de Política Rexional. A propia Danuta Hübner vén de subliñar que a Comisión é optimista nese sentido e que se planificará o proceso para afrouxar o impacto nas rexións que están no caso da galega.
"Estamos en condicións de asegurar que haberá unha transición tranquila cara a nova etapa para evitar unha interrupción nos fondos que tería un importante impacto negativo nas rexións", afirmou a eurocomisaria. Hübner recoñeceu que afrontar ese debate concreto depende do avance da propia discusión global sobre o futuro do financiamento da Unión Europea, e dixo agardar que se consigan acordos durante a presidencia luxemburguesa, imprescindíbeis para permitir "a adopción de regulamentos, guías estratéxicas e debater a nivel estatal os marcos estratéxicos futuros".
En entrevista na Radio Galega, o conselleiro Palmou advertía esta fin de semana sobre os problemas para o desenvolvemento de Galiza se perde os fondos europeos "de golpe" e avanzaba que na próxima xuntanza coa comisaria Hübner pediralle o establecemento dun período de transición onde a nosa comunidade puidese "seguir mantendo fondos comunitarios" logo de acadar o 75% do PIB medio da UE.