Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRESIDENTE DA FEDERACIÓN GALEGA DE RUGBI

Manuel Espiña: "Sería viábel unha selección galega de rugbi"

Manuel Espiña, ex-xogador internacional, é o presidente da Federación Galega de Rugbi, un deporte minoritario pero que move case un milleiro de galegos e que conta cun equipo, o Universidade de Vigo, en división de honra B. Ademais tamén é un dos poucos deportes cunha selección galega consolidada e que ten desputado encontros internacionais de carácter amigábel. O seu símbolo: unha poliña de toxo.

- 18:23 11/02/2005
Tags:

Vieiros: Cal é o papel do rugbi en Galiza?
Manuel Espiña
: O rugbi é un deporte que conta con 850 galegos federados, cuns quince equipos masculinos e cinco femininos, pero que se move nun espazo entre o deporte amateur e o deporte profesional, o que supón moitas dificultades.

Neste deporte existen seleccións moi fortes de países pequenos, como Gales e Escocia no hemisferio norte ou como as Illas Fixi no sur. Cre que sería viábel ver a Galiza en competicións internacionais?
Si, claro que sería viable. De feito é para o que estamos traballando. Desde que se creou o campionato de seleccións autonómicas fómolo desputando todos os anos e todos os anos conseguimos situarnos no grupo das catro ou cinco mellores seleccións. Existe unha selección estábel, cun adestrador estábel, Juan Carlos Pérez Delgado.

Cal sería o obxectivo?
Certamente, gustaríanos planificar un pouco mellor a tempada da selección galega para conseguir maiores éxitos. Temos moi bo xogadores, e creo que poderiamos clasificarnos para desputar o campionato europeo de seleccións rexionais, que é ao máximo que legalmente podemos aspirar.

E cales son as dificultades ás que se enfronta o rugbi en Galiza?
O principal problema é, sen dúbida, a carencia de técnicos. E claro, ao estar de a cabalo entre o profesional e o afeccionado, é moi difícil para os xogadores adestrar con continuidade. Pero aí temos o modelo de Italia, que era un país medio no contexto europeo e que a forza de investimentos económicos e do compromiso das empresas privadas conseguiu que o Cinco Nacións pasase a ser o Seis Nacións, cun nivel de xogo envexábel.

Que solucións se lle poderían dar?
Unha solución clara é a Lei de Mecenado, que é moi necesaria para conseguir que as empresas se impliquen no financiamento do deporte. Pero tamén a nivel galego, con bolsas, se pode facer moito.


5/5 (1 votos)