Ibarretxe contará esta tarde con 30 minutos para expoñer de vez a súa proposta de Novo Estatuto para Euscadi no pleno do Congreso dos Deputados e non terá oportunidade de responder ás intervencións dos grupos parlamentarios. No seu lugar, terá que facelo o voceiro do PNV, Josu Erkoreka. Porén, os portavoces das formacións políticas poderán subir á tribuna de oradores até en tres ocasións. Esta é a proposta da Xunta de Portavoces, que será aprobada previsibelmente cos votos maioritarios do PSOE e do PP.
Despois da exposición do lehendakari, tomará a palabra o presidente do goberno, José Luis R. Zapatero, e posteriormente os demais portavoces: Mariano Rajoy (PP), Josep Antoni Duran i Lleida (CiU), Joan Puigcercós (ERC), Josu Erkoreka (PNV), Gaspar Llamazares e Joan Herrera (IU-ICV), Paulino Rivero (Coalición Canaria), Francisco Rodríguez (BNG), José Antonio Labordeta (CHA), Begoña Lasagabaster (EA) e Uxue Barkos (NA-Bai). Pechará esta primeira fase o portavoz socialista, Alfredo Pérez Rubalcaba. De seguido, abrirase unha quenda de réplicas, na que non poderá intervir o propio Ibarretxe, senón o voceiro do PNV, Josu Erkoreka.
Ante a posibilidade de que se organicen concentracións de protesta no exterior do edificio do Congreso, está previsto que durante a sesión se peche ao tráfico a rúa da Carrera de San Jerónimo. O lehendakari accederá ao Congreso pola entrada situada a carón da Porta dos Leóns e será conducido até o Vestíbulo de Isabel II, onde será recibido polo presidente do Congreso. Entrará no hemiciclo unha vez que comece o debate.