Hai un ano que lles contabamos do aviso que chegaba dende a Unión Europea ao Estado español para a introducción de políticas que eliminasen a alta taxa de precariedade. Facer máis atrativa a contratación indefinida, frear o ascenso dos contratos temporais e favorecelos a tempo parcial eran algunhas das recomendacións. A nova avaliación da Eurocomisión insiste nos reproches. A estatística subliña que respecto á media estatal, en Galiza o problema é especialmente grave.
"Os contratos temporais úsanse a miúdo alén do seu propósito legal de cubrir as necesidades temporais das empresas". A denuncia que a Comisión Europea facía hai meses volve estar de actualidade á luz dos datos do 2004, con porcentaxes de contratacións temporais por riba do 30% do total, por riba do dobre da media da UE.
A Comisión criticaba daquela que o goberno Aznar incumpra as recomendacións non só en emprego, senón tamén en productividade e reforma de pensións e en educación, cunha das porcentaxes de gasto máis baixas en Europa. Insistía especialmente nos graves efectos da permisividade co abuso dos contratos precarios, e apuntaba o incumprimento en máis do 60% dos casos da promesa de emprego para os parados cun ano de duración. A recomendación chega agora cara o novo goberno urxíndoo a un cambio na liña lexislativa que modifique esas tendencias. Témoslles contado que o problema da precariedade é especialmente grave en Galiza, onde á alta taxa de temporalidade únese o elevado número e o aumento continuo dos empregados de longa duración.