O presidente do Consello Nacional do BNG e da Fundación Galiza Sempre (FGS), Xosé Manuel Beiras, afirmou que "as perspectivas próximas das vindeiras eleccións ao Parlamento de Galiza e á Presidencia da Xunta se presentan favorabeis para un cambio no panorama político do Goberno galego". Beiras realizou estas declaracións logo do encontro coa Dirección Nacional do Partido dos Trabalhadores (PT) en Porto Alegre, na Sede da Asamblea Lexislativa do Estado do Rio Grande do Sul.
Os representantes do Goberno de Lula da Silva e a delegación galega que participa na V edición do Foro Social Mundial coincidiron nas moitas similitudes que existen entre o PT e o deseño orixinario do BNG no ano 1982. Neste sentido, Xosé Manuel Beiras asegurou que "agora que se cumpren 25 anos do nacemento do PT, o BNG tamén pode chegar á Presidencia da Xunta de Galiza".
O Presidente do Consello Nacional do BNG engadiu que "Lula tardou 4 lexislaturas en chegar ao poder, e agora pode ser o momento do BNG". Ao seu xuizo, esta similitude entre ambas forzas políticas "pode ser premonitoria".
Os representantes do PT trasladaron ao nacionalista galego o convite do Presidente Lula da Silva a participar na celebración no mes de marzo dos 25 anos de constitución do partido que na actualidade goberna Brasil.
Esta reunión enmárcase dentro das actividades que o Presidente da Fundación Galiza Sempre desenvolverá ao longo destes días no Foro Social Mundial, onde, asemade e por primeira vez, vai expoñer unha ponencia sobre a defensa das culturas nacionais, da soberanía popular e a extensión da política democrática baixo novas formas de participación, como antídotos imprescindibeis fronte á crecente uniformización de ideas e pensamento.
A delegación da FGS encabezada por Xosé Manuel Beiras, o Director Xerente Xabier Macías e a Portavoz do BNG no Parlamento Europeo Ana Miranda, manterá diversos encontros con diferentes representantes do mundo cultural, político e da comunicación entre os que figuran Eduardo Galeano, Saramago, Ignacio Ramonet ou o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel.