Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REAPERTURA DA INVESTIGACIÓN

PP e PSOE recurtan os comparecentes na comisión Prestige

"Asumo a responsabilidade de ter apoiado todas as decisións e de non ter modificado nin introducido ningún cambio sobre o que se estaba facendo". Así recoñecía hai tempo Álvarez Cascos o seu grao de implicación directa no caso Prestige, ao tempo que a oposición lle pedía explicacións e o propio presidente da Xunta, malia apoiar as súas decisións, recoñecía que o titular de Fomento fora o responsábel directo das decisións sobre o buque. O ex ministro non falará diante da comisión.

- 11:39 26/01/2005
Tags:

"Eu non intervín nesa decisión", retrucaba Manuel Fraga hai meses, preguntado pola polémica sobre o afastamento do buque, "iso era de competencia estatal e a decisión tomouna o ministro competente, que era o de Fomento", subliñaba o presidente da Xunta. Fora o propio Álvarez Cascos quen asumira a responsabilidade na polémica decisión de levar o petroleiro mar adentro, cambaleando ademais entre o inicial recoñecemento de que fora "unha decisión cos datos do momento" e concedendo que "logo é doado nun despacho dicir que foron equivocadas ou non" e a posterior insistencia en que fora "a mellor opción posíbel".

Na convicción xeral dos ténicos de que afastar o petroleiro da costa foi o que converteu o accidente en catástrofe e lembrando que o goberno ordeou levar o Prestige mar adentro baseándose na presunta opinión de altos funcionarios e non de informes técnicos, resulta paradoxal que a persoa directamente implicada nesa decisión non vaia comparecer na comisión de investigación do Parlamento galego.

Malia que dende o PSOE subliñaron estar a prol de que comparecese calquera membro do goberno anterior e votaron a prol da proposta do Bloque, consensuaron co PP unha lista na que non haberá membros do anterior executivo liderado por Aznar, e na que aos actuais conselleiros de Política Territorial, Medio Ambiente, se sumarán os seus antecesores no cargo, respectivamente, Xosé Cuíña e Carlos del Álamo. Responderán ás preguntas tamén os ex conselleiros de Xustiza e Asuntos Sociais, Antonio Pillado e Corina Porro, e o conselleiro de Pesca, Henrique López Veiga. O resto da lista, ata 64 persoas, intégrana principalmente por persoas de perfil técnico. Outra ausencia importante da lista proposta polo BNG é o ex delegado do goberno en Galiza, Arsenio Fernández de Mesa, agora deputado do PP no Congreso.


Ligazóns

0/5 (0 votos)