Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FÓRUM SOCIAL MUNDIAL

Visión xeral das migracións: discriminados, mais necesarios

"Dada a importancia das migracións como fenómeno inherente á traxectoria humana, é indispensábel establecer balizas éticas que regulen a solución das complexas cuestións que levantan". Nesa perspectiva traballa dende esta fin de semana e deica o próximo martes en Porto Alegre o Foro Social das Migracións, unha das actividades previas ao Foro Social Mundial. As conclusións do encontro enriquecerán logo os propios debates do Fórum Mundial, que comeza o mércores.

- 09:58 24/01/2005
Tags:

"No actual contexto do noso mundo, onde existe unha clara polarización da riqueza e unha especialización nos roles produtivos mundiais, a migración é incentivada polos países ricos, que demandan man de obra xoven en barata, ao tempo que é indiretamente promovida polas paupérrimas condicións de vida nos países de orixe dos migrantes". Neste paradoxal contexto encarréiranse os debates do foro das migracións, que tratará da nova situación que a "ameaza terrorista" creou á hora de recibir aos inmigrantes coma "fonte de inseguridade".

Outro centro de interés será o concepto de cidadanía universal "aínda non definido legalmente, mais cada día maís imprescindíbel". Sen formulacións xurídicas a medio prazo, os conferenciantes falarán dos "criterios éticos" a considerar.

Tamén na axenda dos seminarios: o drama dos refuxiados, o tráfico de seres humanos, os dereitos do "indocumentado" ou o desafío da identidade e a diversidade cultural: "o migrante encarna o desafío da convivencia e mostra coa súa vida como se procesa o mutuo enriquecemento no respeto da identidade e na acollida da diversidade". Na convicción de que "só unha identidade madura permite a acollida enriquecedora da diversidade", os promotores do encontro prognostican que "o futuro da humanidade depende desta capacidade de síntese e da súa promoción polas canles formadoras de opinión".


Ligazóns

0/5 (0 votos)