A editorial Sotelo Blanco celebrará o seu 25 aniversario coa publicación dun libro que inclúe a opinión de 25 persoeiros do mundo da política, a sociedade e a cultura galegas sobre a evolución do país no último cuarto de século. Amais realizará no mes de abril un ciclo de conferencias e actos culturais coa participación de relevantes intelectuais como José Saramago ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Así o anunciou o propietario da editorial, Olegario Sotelo Blanco, quen tamén afirmou que a partir de agora vivirá en Santiago (na actualidade reside en Barcelona) para dirixir persoalmente a editorial. Ata agora ocupaba o posto de directora a súa filla, Fabiola Sotelo.
A editorial Sotelo Blanco publicou máis de 1.000 títulos desde a súa creación no ano 1980, aínda que, segundo o seu director, Olegario Sotelo, "o noso proxecto non é competir en títulos, senón en calidade". Sotelo anunciou tamén a próxima publicación dunha antoloxía da colección Leiladoura de poesía e comprometeuse a continuar publicando obras neste xénero. Amais, coindicidindo co aniversario do Quixote, Sotelo Blanco lanzará unha introdución a esta obra ilustrada polo pintor Xaime Quesada.
Olegario Sotelo pediulle ás institucións públicas que fundamenten a súa política editorial na promoción do libro e da lectura e menos en subvencións. Insistiu en que a administración ten que deixar de realizar prácticas de "competencia desleal" cos propios editores e racionalizar a publicación de libros pagados cos cartos públicos sen interese social ou literario. Recomendoulle á Xunta un maior esforzo na dotación das bibliotecas públicas e na distribución dos libros: "alegreime ao ver nunha biblioteca pública galega a colección completa da nosa revista A Trabe de Ouro, pero quedei decepcionado cando souben que eses exemplares chegaron vía o Ministerio de Cultura, non a través da Xunta".
A nova directora literaria da editorial, Belén Fortes, presentou tamén os novos títulos cos que Sotelo Blanco abre o ano editorial na súas coleccións Literaria, Medusa e Estudos e Investigacións. Os novos libros son Gramática práctica (morfosintaxe) de Carme Hermida, Occidencia, de X.C. Rodríguez, Fausta, de Xenaro García Suárez; Tristemil, de Alberto Fortes; A xeira das árbores, de Teresa Moure e Sinfonía cíclica, de Paulino Pereiro.