Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"A ESTRELA NA PALABRA", NOVO LIBRO DE CONVERSAS CON XOSÉ MANUEL BEIRAS

Beiras: "se a verdade é revolucionaria, non pode ser prexudicial"

"Un exercicio de veracidade". Así definiu Xosé Manuel Beiras A Estrela na palabra, o libro de máis de 300 páxinas que recolle as conversas que o presidente do Consello Nacional do BNG mantivo entre decembro de 2001 e marzo de 2003 cos editores Miguel Anxo Fernán Vello e Francisco Pillado. No acto de presentación, Beiras sinalou que acometeu este libro sen "autocensura nin escamoteo das cuestións" e recoñeceu que sabía que non se podería publicar mentres desempeñase no BNG as funcións que daquela exercía na organización.

- 21:07 14/01/2005
Tags:

As circunstancias do cambio de liderado no BNG, a apertura dun proceso de diálogo con Manuel Fraga e a posterior ruptura logo do Prestige, as cuestións relativas á reformulación do estado español ou os procesos de globalización económica e os novos movementos sociais son algúns dos asuntos que analiza Beiras neste libro.

Xosé Manuel Beiras dixo no acto de presentación deste novo libro de conversas, 15 anos despois de A nación incesante, que nel sentíase “retratado no meu estilo, na miña maneira de falar, no meu proceso ideatorio neste libro, mesmo nesas circunvalacións que fago e polas que algún me acusan de barroco. Pero eu non son barroco, o que son é complexo, como é complexo o xénero humano”.

Beiras recoñeceu que encarou este libro como un exercicio de veracidade, “non de verdade, porque eu non a posúo. Eu o que sempre combatín é que alguén se considere posuidor da verdade. Porque a verdade é o resultado dun proceso dialéctico de exercicio de veracidade por unha serie de individuos. Niso son socialista no sentido profundo da palabra, sen ningunha etiqueta”. Por esta razón, considera que esta actitude é “revolucionaria”, sobre todo “no sentido das revolucións que pretenden transformar a sociedade naquilo que está agora pacedendo: a perda, o esmagamento da dignidade das persoas na súa condición de cidadáns. Se a verdade é revolucionaria, non pode ser prexudicial”.

Beiras fixo referencia no acto de presentación, a preguntas dos xornalistas, a unha das frases recollidas durante as conversas na que asegura que en determinadas conxunturas históricas o PNV tivo unha posición máis de esquerda que o BNG. Neste sentido, Beiras sinalou que “ser de esquerdas é unha cuestión de ética e de práctica política: é non ter medo para defender e actuar con rotundidade naquilo no que se está firmemente convencido e que ademais obxectivamente pode demostrarse que resulta positivo para o avance histórico dunha sociedade”. Beiras lembrou que no ano 98, “cando o PNV estaba facendo o esforzo por pacificar o país, pola interlocución, era petardeado sistematicamente por un Partido Popular que acaba de elaborar un documento, que entreguei a moitos xornalistas do estado español nese momento e que ninguén se atreveu a publicar, subscrito en Bilbo en 1997 entre o PP de Euscadi e o PP catalán onde está deseñada xa a estratexia de acoso e derribo e de golpismo de facto fronte a calquera pretensión de soberanía política por parte dun pobo calquera. Eu admiro no PNV a súa honestidade política e a súa radicalidade”.


0/5 (0 votos)