"Guantánamo converteuse nun símbolo de descontrol moi perigoso para todos nós", advirten dende Amnistía Internacional. Este martes cúmprense tres anos dende a chegada dos primeiros prisioneiros capturados en Afganistán, actualmente xa máis de medio milleiro e pertencentes a 42 países. Sen posibilidade de acceder a avogados, sen previsión de liberación a medio prazo e logo de deixar de ser considerados como fonte relevante de información, segue a incerteza sobre o futuro destas persoas, mentres o exército USA anuncia novos investimentos nesta prisión. Por outra banda, comezou nos EEUU o xuízo contra os soldados responsábeis das torturas no cárcere iraquí de Abu Ghraib: "non hai nada malo en espir os presos e atalos (...) vaian a un centro comercial e verán cativos conducidos polos pais con correas", argumentou un dos avogados dos militares.