"A vía do diálogo e a vía da participación son as únicas que o BNG propugna para a mellora do autogoberno", afirmou o coordenador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, quen fixo un chamamento ao PP e ao PSOE para que "desde a perspectiva do diálogo franco e aberto entre os partidos e a sociedade" Galiza "teña a súa propia proposta de autogoberno". Jorquera anunciou que o próximo día 7, en coincidencia co cabodano de Castelao, o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, realizará "unha importante declaración de grande alcance político".
Jorquera insitiu en non dramatizar a vía das reformas da Constitución e dos Estatutos, "polo demais previstas no proprio ordenamento xurídico español", e lembra que a vía da reforma constitucional quen a abre "é o proprio Zapatero".
Asemade, o coordenador executivo do BNG pide ao PP que "teña un comportamento institucional acorde coa súa condición de forza de goberno dunha nacionalidade histórica" e que, consecuentemente, "non se aferre ao Plano Ibarretxe para desviar a atención sobre a súa incapacidade para facer propostas en construtivo para o incremento do autogoberno".
"Os problemas políticos hainos que resolver sempre desde a tranquilidade e o sosego. Nunca desde a descualificación e desde a falta de respeito polo pluralismo. A vía do diálogo e a vía da participación son as únicas que o BNG propugna para a mellora do autogoberno", afirma Jorquera.