Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMUNICADO DA EXECUTIVA DO BNG

O BNG móstrase a favor do debate parlamentario do Plan Ibarretxe

A Executiva do BNG manifestou mediante un comunicado a favor da admisión a trámite por parte do Congreso dos Deputados do chamado Plan Ibarretxe, aprobado polo parlamento vasco. O BNG cre que desta forma ábrese "a posibilidade de que a través do diálogo e a negociación de emendas se faga posíbel a procura de pontos de encontro que concilien a lexítima vontade de profundización do autogoberno da sociedade basca coa súa pertenza a un marco estatal común co resto dos pobos do Estado español". A executiva do BNG tamén afirma que o Plan Ibarretxe é "unha proposta do parlamento vasco para a sociedade vasca" e que o BNG xa presentou o seu propio proxecto de Novo Estatuto para Galiza que está neste momento en pleno proceso de debate "cos distintos sectores da sociedade galega".

- 16:19 04/01/2005
Tags:

COMUNICADO DA EXECUTIVA DO BNG SOBRE O PLAN IBARRTETXE

"Respeito da proposta de Estatuto político da Comunidade de Euskadi, popularmente coñecida como Plan Ibarretxe que o Parlamento basco vén de aprobar para iniciar a súa tramitación cara á reforma do actual Estatuto de Autonomía, a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego quer transladar á opinión pública o seguinte:

1. Mostrar o seu escrupuloso respeito perante a decisión adoptada polo Parlamento de Vitoria en tanto que representación da vontade da sociedade basca, no convencimento de que o pobo basco, e as súas institucións representativas, teñen plena lexitimidade para propor as bases políticas e o marco de convivencia sobre o que queren cimentar o seu futuro.

2. Expresar o desexo de que o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, se ateña ao seu compromiso de respeitar aquelas propostas de reforma do marco estatutario que sexan avaladas polos parlamentos autonómicos respeitivos. O respeito que o Goberno español debe mostrar por este acordo do Parlamento basco debe ser o mesmo que no futuro exprese perante as reformas estatutarias que eventualmente se produzan por parte dos Parlamentos galego e catalán.

3. Instar, en consecuencia, ao Goberno español e as forzas políticas con representación nas Cortes a que contribúan, desde o sosego e o diálogo, a garantir a estabilidade das institucións democráticas e a convivencia pacífica entre os pobos que conforman o Estado español, buscando a superación das diferenzas a través da negociación e a procura dos pontos de encontro.

4. Por todo o devandito, o BNG maniféstase a favor da admisión a trámite por parte do Congreso dos Deputados da reforma de Estatuto basco. O BNG lembra que a admisión a trámite desta proposta de reforma estatutaria abre a posibilidade de que a través do diálogo e a negociación de emendas se faga posíbel a procura de pontos de encontro que concilien a lexítima vontade de profundización do autogoberno da sociedade basca coa súa pertenza a un marco estatal común co resto dos pobos do Estado español.

5. En calquera caso o BNG considera que cada país ten os seus propios ritmos políticos e as súas propias especificidades ás que deben intentar dar respostas as súas forzas políticas e institucións representativas. O Plan Ibarretxe é unha proposta do Parlamento basco para a sociedade basca.

6. O BNG lembra que en Xullo de 2004 apresentou á sociedade galega ás liñas básicas da súa proposta para a aprofundización no autogoberno, contida no documento Bases para un Novo Estatuto para a nazón galega, que están sendo sometidas desde aquela a un proceso de contraste e arriquecimento en diálogo permanente cos distintos sectores da sociedade galega".

Santiago, 4 de Xaneiro 2005


0/5 (0 votos)