O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Rodríguez, confirmou que votará a favor do Plan Ibarretxe, se chega a votarse na Cámara Baixa, porque "goza de toda lexitimidade" despois de ser aprobado por maioría absoluta no parlamento vasco.
Rodríguez lembrou que unha das condicións de Zapatero para considerar as reformas estatuarias era a de contar coa aprobación maioritaria dos parlamentos autonómicos. Un requisito que, segundo o deputado do BNG, fai que "non haxa razón para opoñerse". Ao seu xuízo, son "razóns partidarias" as que esgrimen os que rexeitan o proxecto de novo estatuto para Euscadi.
Francisco Rodríguez considera unha "atrocidade democrática" recorrer o plan perante o Tribunal Constitucional e rexeita que os votos a favor de tres deputados de Sozialista Abertzaleak resten lexitimidade ao Plan, xa que "eses votos son válidos" e teñen "toda a representatividade posíbel".