ERC anunciou que votará "a favor do plan Ibarretxe se o debate chega ao Congreso". Os nacionalistas cataláns destacaron tamén que o apoio de Sozialista Abertzaleak ao proxecto "dalle credibilidade coma forza política e axuda a sacar o conflito da rúa".
O presidente de CiU, Artur Mas, declarou que a aprobación do Plan Ibarretxe ofrece unha "oportunidade de ouro" ao PSOE para poñer en práctica o "talante dialogante" do que "presumiron desde o o primeiro día". Mas asegurou que a vía Ibarretxe "está marcada e é democrática", pero tamén afirmou que en caso de non superar o trámite das Cortes españolas, "non deixará un bo sabor de boca, tendo en conta que Cataluña deberá negociar a aprobación dun Novo Estatuto". En todo caso, Mas considera que o proxecto catalán "debe ter personalidade propia e non podemos quedarnos coa sensación de que temos que seguir o mesmo camiño cós vascos".
Dende Esquerda Unida aseguraron que non apoiarán o plan no Congreso, malia destacar que o goberno central debe esforzarse na negociación e no diálogo, que en todo caso, neste primeiro momento e na opinión de IU, debera producirse no ámbito dos partidos vascos. "IU e EB están dispostas a contribuír co seu propio modelo federal ao debate da futura reforma dos estatutos".