Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REACCIÓNS Á APROBACIÓN DO PROXECTO DE NOVO ESTATUTO PARA EUSCADI

Zapatero e Rajoy alíanse contra o Plan Ibarretxe

Despois da aprobación do proxecto de Novo Estatuto de Euscadi no parlamento vasco, o documento será debatido nas Cortes españolas e poderá someterse a referendo nas tres provincias da comunidade autónoma. O Plan Ibarretxe foi aprobado cos votos dos deputados dos tres partidos do goberno (PNV, EA e EB) e con 3 votos de Sozialista Abertzaleak. Os outros tres deputados de SA, a antiga Batasuna, votaron en contra, o mesmo que o PSE, o PP e Unidade Alavesa. Despois da aprobación do plan, o líder do PP, Mariano Rajoy telefoneou ao presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, para concertar unha xuntanza despois de Reis e estudar a estratexia para evitar que o proxecto do goberno vasco prospere no Congreso dos Deputados. Tamén o lehendakari Ibarretxe telefoneou a Zapatero para iniciar conversas a partir do 6 de xaneiro.

- 11:44 31/12/2004
Tags:

A versión da Moncloa, segundo El País, incide en que tanto Zapatero como Rajoy mostraron "un rexeitamento total" ao Plan Ibarretxe e así o porán de manifesto no Congreso dos Deputados no caso de que chegue a debaterse. En relación coa chamada de Ibarretxe a Zapatero, oministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, advertiu que "haberá diálogo", pero "en ningún caso unha negociación goberno a goberno". "Que sigan os trámites e chegue ao Parlamento", insistiu.

A vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández de la Vega, declarou, mesmo antes de que o plan fose aprobado polo parlamento vasco, que "á contrario á Constitución e non debe ser abrobado". As mesmas declaracións realizaron o ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla; o portavoz parlamentario, Alfredo Pérez Rubalcaba; o secretario xeral, Diego López Garrido, e o secretario de Organización, Xosé Blanco. Nun comunicado, a dirección do PSOE reiterou a súa "rotunda e nidia oposición ao plan porque é unha proposta de ruptura da convivencia plural en Euscadi". "É unha iniciativa contra o Estatuto de Autonomía do País Vasco e a Constitución, aprobadas polo pobo vasco", engaden. O PSOE critica tamén que o lehendakari "pedira e necesitase os votos de Batasuna, unha formación política ilegalizada por apoiar o terrorismo".

O BNG mostrou nun comunicado o seu "respecto" pola decisión do parlamento, que considera a expresión maioritaria da sociedade vasca. O Bloque fai tamén un chamamento ás demais forzas políticas para que o debate sobre o Plan Ibarretxe se produza co respecto e o sosego que require. Amais, o BNG agarda que o presidente do goberno español se ateña ao compromiso que expresou en varias ocasións de respectar as decisións dos parlamentos autonómicos e, por último, que este compromiso se manifeste tamén cando se debatan os eventuais novos Estatutos de Galiza e Catalunya.

O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, amosou o seu rexeitamento do Plan Ibarretxe por consideralo "unha proposta de ruptura independentista que non reúne o consenso nin do pobo vasco nin do pobo español".

Touriño condena "este plan aprobado e rehén do voto dunha formación política ilegalizada por apoiar a violencia e o terrorismo". Touriño considera que a iniciativa do PNV e do goberno vasco constitúe "un elemento de confrontación" e afirma que para a reforma dos estatutos de Autonomía "só cabe a utilización dos procedimentos legais e consittucionais establecidos".

En Cataluña, a Generalitat emitiu un breve comunicado de "respecto" ao debate do parlamento vasco, pero subliñando que a reforma do Estatuto de Cataluña é un proceso diferente.

Desde ERC, a portavoz, Marina Llansana, felicitouse pola aprobación do plan e considerouno "unha proposta valente e democrática que deixa o presente e o futuro de Euskal Herria en mans do pobo vasco".

Pola súa parte, Izquierda Unida, manifestou que non respaldará no Congreso o Plan Ibarretxe porque "esta proposta ten unha concepción parcial de carácter exclusivamente nacionalista que non compartimos e que se encontra moi lonxe do modelo federal que defendeu IU e EB coas súas propias emendas neste debate".


0/5 (0 votos)