Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA RECOÑECE TAMÉN A FIGURA DO "AMIGO DO LECTOR"

Caetano Díaz e Lois Caeiro, Premios Galiza de Comunicación

Os directores de El Progreso, Lois Caeiro, e de Galicia Hoxe, Caetano Díaz, foron galardoados cos Premios Galicia de Comunicación 2004 ao mellor labor de comunicación en medios impresos. Tamén foron premiados O Amigo do Lector de La Voz de Galicia e o Club Faro de Vigo, no apartado á mellor iniciativa no campo da comunicación. Na edición do ano pasado recibiron este galardón, entre outros, Alfredo Urdaci, Carlos Luís Rodríguez, Javier Sánchez de Dios e Marcial Mouzo.

- 13:33 29/12/2004
Tags:

A figura do Amigo do Lector, de La Voz de Galicia, e o Club Faro de Vigo, foron seleccionados como mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos. O galardón, que será entregado a Arantza Aróstegui, amiga do lector de La Voz de Galicia, e a Marisa Real, directora do Club Faro de Vigo, recoñece "o valor destas iniciativas novidosas que favorecen a participación cidadán e tentan achegar a realidade informativa e as inquedanzas da sociedade". Neste sentido, os integrantes do xurado destacaron tamén o papel da muller na xestión de responsabilidades nos medios de comunicación, un feito que agardan se vexa incrementado ao tempo que manifestan "a súa satisfacción polo protagonismo feminino nestes galardóns". Por certo, no xurado non había ningunha muller.

O Premio ao mellor labor de comunicación en medios impresos recaeu nos xornalistas Luis Rodríguez García, máis coñecido como Lois Caeiro, director de El Progreso; e Caetano Díaz, director de Galicia Hoxe. Con este galardón, o xurado recoñece "as longas e variadas traxectorias destes dous veteranos profesionais do xornalismo galego".

A aposta arriscada de Javier Teniente, que persegue o lado máis humano da realidade en diferentes lugares do mundo asumindo para elo, incluso, riscos persoais, foi galardoada co Premio ao mellor labor de comunicación en xornalismo gráfico.

Nicolás Camino e Pablo Barreiro foron distinguidos co Premio ao mellor labor de comunicación en medios radiofónicos. Recoñécese, deste xeito, "o traballo desenvolvido por estes dous profesionais da Radio Galega a prol a recuperación e a promoción do variado patrimonio musical de Galicia". O primeiro deles destaca no campo das bandas e as corais de Galicia e o segundo no eido da gravación sonora, o que "redunda nun maior recoñecemento e impulso de todos os estilos da música galega".

O Premio ao mellor labor de comunicación en televisión recaeu, nesta ocasión, no xornalista Rafael Cid, polo documental titulado "Carrilanos, os túneles dun tempo", producido por TVE en Galicia. O traballo relata, a partir das testemuñas de moitos dos supervivintes, as obras de construcción, a medidos do século XX, dos túneles de ferrocarril máis longos da Península, e que atravesaban os montes galegos entre Puebla de Sanabria e Ourense.

Finalmente, a Asociación da Prensa da Coruña, que vén de celebrar o seu primeiro centenario de vida, foi distinguida co Premio á mellor empresa ou institución destacada por un singular esforzo no campo da comunicación.

Á marxe dos premios o xurado propuxo á Xunta que se estudie a posibilidade de ampliar as modalidades destes premios en cada convocatoria para recoñecer traballos ou traxectorias en eidos como a radio musical, humor gráfico, deseño, novas tecnoloxías ou promoción das comunidades galegas no exterior.

O Xurado encargado de fallar os Premios Galicia de Comunicación 2004 estivo presidido por Francisco Gómez Soto, director do semanario España Exterior. Alberto Fernández Rodríguez, director de Galicia TV e responsábel de Informativos da TVG; Javier Castro Dopico, director rexional da Cadea COPE en Galicia; e José Ferrín Abal, redactor gráfico da Axencia Galega de Noticias actuaron como vocais. Juan Carlos Varela Castiñeiras, redactor-xefe do Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, actuou como secretario do xurado, con voz e sen voto.


0/5 (0 votos)