Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RECOMENDACIÓNS DE LIBROS GALEGOS

Para ler no Nadal e no resto do ano

Entre paroladas e paparotadas seguro que durante estas datas haberá algún tempo para coller un libro. Para uso particular ou como agasallo, a Asociación Galega de Editores achegounos unha listaxe de recomendacións de novidades literarias para este nadal e para o resto do ano que comeza. Tamén desde Vieiros, no Cartafol de Libros, os críticos coordinados por Moisés Barcia realizaron unha escolma da mellor literatura galega para os nosos lectores.

- 09:20 24/12/2004
Tags:

PROPOSTAS DAS EDITORAS

Para primeiros lectores
A partir dos tres anos a editorial Tambre propón as peripecias de Coelliño Branco (Coelliño branco pérdese, Bota de menos á súa mamá, Celebra o seu aniversario, Está enfermo) de Marie-France Floury. Tamén desta editorial Adiviñas para xogar, de Xulio Cobas Brenlla.
Boas noites, imos durmir, de Donatella Bazzucchi, é un libro de tea para nenos e nenas de 0 a 4 anos, proposta de Kalandraka.

Adiviñas de animais, de Gloria Sánchez , é un álbum ilustrado que recomenda a editorial Obradoiro.

A editorial Nova Galicia Edicións aposta por libros didácticos dirixidos aos máis pequenos. A colección Debuxo e pintura para nenos recolle catro técnicas : Ceras, Acrílico, Acuarela e Lapis de cores. A colección Traballos manuais para nenos componse doutros catro volumes: Papel e cartón, Pasta de papel, Divírtete reciclando e Xoga e crea reciclando. Sendo unha recompilación de actividades manuais para que os nenos se divirtan aprendendo e desenvolvan a súa creatividade.

No eido da didáctica musical infantil , Primera Persona recomenda Cantando, cantando, (libro almanaque con actividades dirixidas a nenos/as de un a sete anos) e Cantando comigo (CD con dez cancións con letras de poetas e narradores galegos contemporáneos), da autoría de Mamá Cabra.

Literatura infantil:
Xiz de cor, de Xosé Neira, é un libro de poesía dirixido ao público infantil. Está editado por Baía Edicións. Da mesma editorial é o conto Pinocho, nova entrega da colección Monta-Contos, que inclúe seis crebacabezas para construír as distintas escenas do relato e O lume dos soños, de Cibrán Ulloa, gañadora do 1º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil.

Bolboretas, de Xavier P. Docampo, álbum ilustrado en tapa dura, é a novidade da editorial Everest Galicia para estas datas.

Lolo anda en bicicleta, de Carlos Casares, Que contan as ovellas para durmir, de Kiko da Silva, Mola que chova, de Renata Otero, e Rato Pincho, de Gloria Sánchez, son os títulos da editorial Galaxia para os máis pequenos.

A editorial Obradoiro edita As vacacións de Nicolasiño, de Sempé/Goscinny. Tamén editados por esta editorial destacan Manolito ten un segredo, de Elvira Lindo; Tranquila Tragaleguas e outros contos, de Michael Ende; Na barriga do dragón, de Xoán Babarro e Ana María Fernández.

A partir dos oito anos a editorial Tambre recomenda: A miña bicicleta testalana, de Asun Balzola; O mundo de papá, de Moka; Babaiaga, de Taï-Marc Le thanh; O monstro peludo, de Henriette Bichonnier, e Maíto Panduro, do autor Gonzalo Moure (Gañador do XII Premio Ala Delta, 2001).

A pontevedresa Kalandraka Editora propón varias obras para este nadal: Artefactes, ou paseante anónimo atopa un libro, de José Antonio Portillo (galardonado co Primeiro Premio Nacional de Edición 2003, do Ministerio de Cultura); Pancho, de Antonio Santos (galardonado co Segundo Nacional de Ilustración Infantil 2003, outorgado polo Ministerio de Cultura ); O oso fabuloso, pertence á Colección Sondeconto, un proxecto editorial de Kalandraka en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia; Confundindo historias, de Gianni Rodari, e Frederick, son outras das propostas desta editora.

A volta do Compay Grilo, da galego-cubana Anisia Miranda, está editado por Ediciós do Castro.
O libro do bebé, edicións do Cumio é o primeiro libro-diario do bebé en galego.

Literatura xuvenil
Biblos Clube de Lectores, na súa colección Mandaio, salienta para este nadal O pai do artista, de Xavier Frías.
A praia das tartarugas, de Michel Girin e As fontes do destino, de Blanca Álvarez, son as propostas para lectores a partir dos doce anos da editorial Tambre.

O Diario de Ana Frank, nunha coidada edición de Kalandraka Editora e O brindo de ouro, de Xesús Manuel Marcos (Premio Merlín 2004) editado por Xerais, completan este segmento.

Narrativa:
A ourensana Ediciones Linteo adiántase ao ano do Quijote coa obra El pequeño Quijote, de Miguel de Cervantes Saavedra, de coidada edición.

En Capitol, última sesión, Miguel Anxo Fernández, conta a historia do cinema dun xeito imaxinativo e orixinal. Está editada por Galaxia. Editadas por esta editorial destacan tamén outras interesantes propostas para o nadal: Unha viaxe no Ford T, de Xerardo Agra Foxo, Diario de comidas obra de Xavier Rodríguez Baixeras ou As frechas de ouro de Jhon Rutherford.

As propostas da editorial Sotelo Blanco para o nadal céntranse no eido da narrativa coas seguintes obras: Fausta, de Xenaro García Suárez , Tristemil de Alberto Fortes, Occidencia obra de Xoán C. Rodríguez , Sinfonía Cíclica, do autor Paulino Pereiro, e A xeira das árbores, de Teresa Moure.

A editorial coruñesa Primera Persona achega en Aquel paseo por el parque Naryshkin, de Rose Zwi, a testemuña da autora sobre a historia de seis membros da súa familia. Da mesma editora é ¡Ah, las mujeres…! de Isaïe Biton Koulibaly.

A compostelana edicións Positivas propón DesVentura, de An Alfaya, a novela erótica Infidelicidades de Manuel Lourenzo, e As murallas de Bérxida, novela de Fernando Cerezales, de temática histórica e de aventuras.
Edición do Castro edita os Premios Pedrón de Ouro.

Edicións Xerais de Galicia recolle entre as súas propostas para este nadal varias obras: O fillo do acordeonista de Bernardo Atxaga (Premio da Crítica Española 2003); Os ollos da ponte, de Ramiro Fonte; Era por setembro de Xabier Quiroga; O exiliado e a primavera, de Manuel Veiga (Premio Xerais de Novela 2004); Diario da luz e a sombra, de Mª Victoria Moreno; Arrepíos e outros medos, de Xosé Miranda e Antonio Reigosa.

Libros de fotografía
Un novo camiño para unha vella utopía, edicións do Cumio, libro sobre o Camiño de Santiago con texto de Xulián Maure e máis de duascentas fotografías de Carlos Puga e Nacho Gómez.

A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973. Volume editado por Galaxia no que se recollen case 200 fotografías realizadas por Eduardo Blanco Amor (retratos, autorretratos, foto documental...).

Vigo por Magar II, editado por Xerais, recolle instantáneas e retratos, realizados por Manuel García Castro, da vida viguesa entre 1960-2004

Teatro
Edicións Laiovento edita a única proposta neste eido, obra de Gustavo Pernas Cora, Pasos de cebra e sucesos.

Obras de referencia
Edicións do Cumio salienta entre as súas propostas O Dicionario Cumio da Lingua Galega (de gran formato, normativo, varios autores), o Consultor Cumio de Galego, obra de Xosé Avelino Hermida, no que destaca a súa utilidade para solución de dúbidas ortográficas, e o Dicionario Cumio da Lingua Galega Básico, destinado aos niveis escolares que van desde os nove aos trece anos.

Entre os manuais de estudo destaca tamén a Gramática práctica (Morfosintaxe), de Carme Hermida Gulías, editada por Sotelo Blanco.

Ensaio
No eido do ensaio a proposta abrangue distintas temáticas:
Contaminación atmosférica na Galiza, ensaio de temática medio ambiental, obra de Ramón Varela Díaz, editado por Baía Edicións. Esta editorial analiza tamén en senllas publicacións a vida e obra de Concepción Arenal (de África López Souto), Louis Althusse (Francisco Sanpedro), e Michel Maffesoli (Ángel Enrique Carretero Pasín).

A estrela na palabra. Novas conversas con Xosé Manuel Beiras, obra de Francisco Pillado Maior e Miguel Anxo Fernán Vello, coeditado polas editoriais Espiral Maior e Edicións Laiovento.

Propostas desta última editorial son tamén Á man esquerda, de Marcos Mariño e Araceli Varela, nun ensaio no que se recollen entrevistas –entre outros- con Giovanni Arrighi, Noam Chomsky, Robert Brenner e Eduardo Galeano. Desta beira do Leteu, de Ernesto Vázquez Souza, con artigos de historia cultural, literatura e sociedade desde o esquecemento e o breviario As bibliotecas dixitais, das autoras Carme Fernández e Ángeles Saavedra.

Los judíos de Rivadavia, de Mª Gloria de Antonio Rubio, e A lingua (da serie A Galicia Celta) da autoría de Antonio Balboa Salgado, ámbalas dúas en formato de peto, son as propostas da editorial compostelana Lóstrego.

O dereito á preguiza, é un ensaio político de Paul Lafrague e tocando o ensaio a investigación e a historia O anarquismo na Galiza, de Eliseo Fernández e Dionisio Pereira, son as propostas de Edicións Positivas neste eido.
O estudo da cultura e a educación en Galicia desde o século IV ata hoxe recóllese na Historia da educación e a cultura en Galicia, obra de Antón Costa Rico, editado por Edicións Xerais.

Xosé Ramón Mariño Ferro e Carlos López Bernárdez son os autores de Bestiario en pedra. Animais fabulosos na arte medieval galega, editado por Nigra Trea.

Na serie Documentos Ediciós do Castro, edita a obra Ourense 1936-1939. Alzamento, guerra e represión de Julio Prada Rodríguez, e Resol de ensueños para Arturo Cuadrado, de Antonio Chaves Cuiñas.

Multimedia
Moxenas, a memoria do son, de Miguel Pérez Lorenzo, libro sobre a vida e obra do afamado mestre de gaiteiros Nazario González Moxenas. Vai acompañado dun DVD

Poesía
Zoonose, de María Comesaña Besteiro (XVI Premio Eusebio Lorenzo Baleirón) e Cadernos poéticos dun emigrante galego en Cuba, de Domingo Campio Devesa Naviero, son as propostas de ediciós do Castro.

Memoria Solar, en edición revisada pola autora reúne toda a obra poética de Luz Pozo Garza e un libro inédito "As arpas de Iwerddon". Está editada por Ediciones Linteo, ao igual que a Poesía completa de Salvatore Quasimodo (que reúne toda a poesía editada en vida do Premio Nobel de Literatura no ano 1959, xunto con dous libros inéditos en español) en edición bilingüe italiano-castelán.

Edicións Positivas destaca dous títulos: Subir ao faiado, de Alfonso Rodríguez, e a antoloxía Polo mar abaixo vai… unha compilación de Carme Hermida de cantigas populares sobre o mar.

Guías
A oferta de materiais de divulgación para estas datas é especialmente atractiva.

Para os interesados polo medio natural Baía edicións ofrece a Guía das aves de Galicia, na súa segunda edición, con CD-ROM e a Guía dos liques de Galicia, primeira guía destas características no Estado Español.

A editorial viguesa Nigra Trea recomenda Os espazos naturais de Galicia, obra de gran formato, sobre turismo e natureza, con mapas e fotografías a cor.

Guía de Viños, Augardentes e Bodegas de Galicia 2004-2005, a primeira guía de valorativa dos viños galegos. Editada por Xerais. Tamén editada por Edicións Xerais de Galicia destaca Galicia en cen prodixios, obra de Henrique Alvarellos, para coñecer a Galicia máis excepcional.


0/5 (0 votos)