A fusión de concellos pode ser unha das solucións para atallar os males endémicos que ameazan á administración local en Galiza. Así se expresou o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, no acto de presentación do estudo do IDEGA titulado "Os concellos galegos para o século XXI". No informe recóllese que dos 315 concellos galegos actuais, 192 teñen menos de 5.000 habitantes. As previsións demográficas máis pesimistas apuntan a que no 2025 ese número aumente até un total de 237 concellos. A fusión dos seis concellos da comarca do Deza, obxecto do estudo, podería supoñer un incremento dos ingresos correntes nun 74,57% e o gasto medio por habitante pasaría dos 229,7 euros actuais aos 401 euros.
Aínda que recoñeceu que "a fusión de municipios é na actualidade unha proposta utópica", o alcalde de Lalín e presidente da Fegamp, Xosé Crespo, apostou por esta solución "como o recurso de futuro máis axeitado para atallar os males endémicos que ameazan a administración local en Galiza. Crespo considera que a fusión dos concellos é "enormemente vantaxosa" tanto desde unha perspectiva funcional, posto que lle permite aos concellos máis pequenos acadar un tamaño óptimo para exercer as súas funcións con garantías, como desde a perspectiva do financiamento externo, xa que se incrementan notabelmente os recursos e diminúe a dependencia doutras administracións.
Crespo fixo estas declaracións durante o acto no que se presentou no Pazo de Fonseca de Santiago o estudo sobre "Os concellos galegos no século XXI" encargado ao IDEGA polo concello de Lalín e financiado por Caixa Galicia.
O estudo fai unha referencia concreta á nova situación que se xeraría se os seis concellos da comarca do Deza (Lalín, Silleda, Rodeiro, Vila de Cruces, Agolada e Dozón) decidisen fusionarse.
Entre as conclusións xerais do estudo, destácase a necesidade de recoñecer nunha próxima reforma da Constitución a "autonomía local" como un dereito fundamental.
Tamén se recomenda a "reconsideración da Provincia como entidade territorial local nas Comunidades Autónomas pluriprovinciais", aínda que poden permanecer como "división territorial para o cumprimento das actividades do Estado", por exemplo, como circunscripción electoral para as eleccións xerais.
Outro dos aspectos que compriría revisar, segundo o estaudo, é o da eleccións dos alcaldes. O informe lembra que a Constitución do 78 permite elixilos "polos concelleiros ou polos veciños". O estudo indica que os concellos deben ter a atribución para elixir a opción que consideren máis axeitada.
O informe avoga ademais polo recoñecemento das parroquias. "O municipio como Entidade territorial local de estatuto constitucional exerce a súa competencia nun termo municipal (de xeometría variábel) que corresponde ás Parroquias (xeometría estábel). A parroquia, como entidade local propia de Galiza insírese na organización municipal baixo a denominación de Distrito Parroquial".