Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ENDESA É A CUARTA EMPRESA ELÉCTRICA EUROPEA QUE EMITE MÁIS CO2

Galiza é o país europeo que emite máis CO2 procedente da combustión de carbón

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) informou que, no ano 2000, as emisións de dióxido de carbono (CO2) por habitante en Galiza causadas pola queima de carbón foron dunhas 5 toneladas por habitante. O estado europeo que máis se aproxima a esta cifra é a República Checa, con 1,7 tm/h. Galiza emite unhas 10 veces máis CO2 por combustión de carbón có Estado español e unhas 5 veces máis ca Alemaña. A central térmica de carbón das Pontes é un dos maiores focos de emisión de CO2 de Europa. A súa propietaria, ENDESA, é a 4º empresa eléctrica europea que máis contribúe ao cambio climático. A emisión anual da central das Pontes, unha enorme "fábrica de cambio climático", duplica a de todos os vehículos galegos.

- 00:54 20/12/2004
Tags:

Para ADEGA, "é razoábel que o Goberno central, na asignación provisional de dereitos gratuitos de emisión de CO2, penalizase ás centrais térmicas de carbón, non só ás galegas senón tamén ás do resto do Estado español. Aínda que cómpre adoptar medidas eficaces para reducir as emisións de CO2 en todos os sectores, nomeadamente no transporte, só penalizando o uso do carbón para producir electricidade España poderá cumprir o Protocolo de Quioto da forma menos traumática posíbel para o conxunto da sociedade. Non penalizar ás térmicas de carbón sería só beneficioso para ENDESA e para Unión FENOSA".

ADEGA lembra que "o carbón é o combustíbel fósil que emite máis CO2 por unidade de electricidade xerada. Esta é unha das principais causas pola que o consumo de carbón diminuiu en Europa un 28% entre 1990 e 2001. As centrais de ciclo combinado a gas natural son máis eficientes e emiten menos CO2 por unidade de electricidade, polo que deben ser favorecidas en detrimento das de carbón. En Galiza está prevista a construción de dúas novas centrais de gas natural que tamén se verán beneficiadas pola aplicación do Protocolo: a de Sabón (Unión FENOSA) e a das Pontes (ENDESA), que se construiría perto da de carbón. A primeira xa obtivo dereitos de emisión para 2007 e a segunda aínda non superou todos os trámites administrativos".

A penalización das centrais térmicas de carbón prexudica a ENDESA e a Unión FENOSA e beneficia a Iberdrola. As dúas primeiras están a atopar importantes apoios institucionais, sindicais e partidarios en Galiza para que os Ministerios de Industria e do Ambiente lles aumenten os dereitos gratuitos de emisión para as centrais térmicas de Meirama (Unión FENOSA) e As Pontes (ENDESA).

Rematou o cumio do clima de Bos Aires

O cumio do clima de Bos Aires rematou na mañá do sábado 18 con dous acordos importantes: a celebración dun seminario en 2005 no que se poderían comezar a discutir as limitacións das emisións con gases de efecto invernadoiro a adoptar despois do 2012 e un Programa sobre Adaptación e Medidas de Resposta. Este Programa canalizará as axudas aos países empobrecidos para a súa adaptación ao cambio climático.

Unha vez máis, os EEUU amosou unha actitude obstaculizadora. Os EEUU e Australia seguen sen ratificar o Protocolo de Quioto. A industria do carbón, moi poderosa e influínte nos dous países, é unha das causas principais da falta de compromiso destes estados na loita contra o cambio climático

Web de ADEGA sobre Galiza e o Protocolo de Quioto

ADEGA creou unha web na que informa sobre diferentes aspectos relacionados co cambio climático e a aplicación no noso país do Protocolo de Quioto.



Ligazóns

0/5 (0 votos)