Frustración, vetos, boas palabras sen compromisos claros, propostas sen aval de financiamento... Logo de dez días de debate e ás portas da súa clausura este venres, o cumio sobre o cambio climático que acolle a capital arxentina semella ir pechar sen un plan ambicioso enriba da mesa para virar a situación ambiental do planeta.
Segundo a análise do Banco Mundial, os países máis grandes e que son ao tempo os que máis contribúen ao dano ambiental, son os que deben necesariamente asumir máis responsabilidades na solución do problema. Mudar o xeito de producir e consumir enerxía é clave nese camiño, segundo manifestou James Wolfenson, presidente do Banco Mundial.
Durante a mesma xornada, o ministro de Medio Ambiente chinés recoñeceu que cara o 2020 o seu país terá multiplicado por catro o PIB en relación ao do ano 2000, e dixo estar convencido de que "co modelo actual de desenvolvemento os recursos naturais non poderán soster este ritmo de crecemento". Opinou Xie Zhenhua que "o ambiente non poderá aturar con esta carga de contaminación e residuos" e avisou que "non pode lograrse así a meta dunha sociedade máis rica".
EEUU subliñou que non está disposto a asumir compromisos concretos nesta loita. De feito, os seus representantes afirmaron que a súa vontade de seguir na mesa de negociación irá en función do marco baixo o que se dialogue. Xa que logo, os EEUU néganse a fixar obxectivos precisos na reduccción de emisións a longo prazo. O maior compromiso estaría proposto dende a UE: reducción dun 20% de emisións para o 2050. Especialmente duras foron as palabras este mércores do presidente arxentino, Néstor Kirchner, quen criticou aos estados máis ricos por "non facerse cargo da débeda ambiental contraída cos países menos desenvolvidos".