Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
QUINTANA SOLICÍTALLE QUE PIDA PERDÓN Á SOCIEDADE

A oposición pídelle a Fraga que rectifique as súas declaracións sobre a homosexualidade

Tanto o BNG como o PSdeG-PSOE pedíronlle ao presidente da Xunta que rectifique as súas declaracións sobre a homosexualidade. O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, instou a Fraga a que "lle pida perdón á sociedade galega por unhas afirmacións impropias da dignidade do seu cargo". A secretaria de Igualdade do PSdeG, Laura Seara, afirmou que con estas declaracións "Fraga demostra unha vez máis estar ancorado na peor tradición do conservadorismo".

- 16:44 15/12/2004
Tags:

Para Quintana, "no canto de dedicarse a defender o país, Fraga está politicamente ausente e desatende os seus deberes como presidente. Infelizmente cando aparece é para facer declaracións que o emparentan coa caverna e con formas improprias dun presidente de Goberno".

Para o líder do BNG, as declaracións de Fraga ofenden a sensibilidade democrática e demostran até que punto o presidente do Goberno galego está ancorado "nunha concepción prehistórica da sociedade", que felizmente se atopa "a anos luz do que a xente pensa". "Como en tantos outros asuntos, tamén neste Fraga representa un pasado afortunadamente superado", conclúe o portavoz nacional do BNG.

O PSdeG tamén lle solicitou a Manuel Fraga "unha rectificación pública inmediata" das súas declaracións "homófobas". En opinión de Laura Seara, Fraga "non está á altura dun gobernante do século XXI". Tamén lle preguntou á dirección do PP se a postura de Fraga sobre a homosexualidade é a postura oficial do partido sobre este asunto.


0/5 (0 votos)