Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ASEGURA QUE O PSDEG SE "AUTOEXCLUIU" DAS NEGOCIACIÓNS

Quintana mostrouse disposto a negociar os orzamentos "até o final"

"A nós gustaríanos que a noticia do día fose que conseguíramos as modificacións que demandamos nos orzamentos, pero estamos satisfeitos de facer visíbel a Galiza no debate do estado e do traballo realizado". Así avaliou o senador e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, a aprobación do veto do BNG ao proxecto de lei dos orzamentos do estado para 2005, que supón o seu envío ao Pleno do Senado sen discusión previa na comisión. Con todo, Quintana volveu manifestar a súa vontade de diálogo co goberno e co PSOE, "antes, durante e despois" da aprobación do veto e "até o último momento". "O BNG nunca romperá unha negociación mentres os intereses de Galiza estean en xogo", engadiu.

- 18:50 10/12/2004
Tags:

Quintana desmentiu unha información publicada onte na que fontes socialistas e nacionalistas aseguraban que se romperan as negociacións logo da aprobación do veto. O portavoz nacionalista suxeriu que esa información falsa proviña do PSdeG, "un partido que fala de oídas, porque se autoexcluiu das negociacións". Para Quintana, ese diálogo "só se deu entre o BNG e o PSOE de Madrid" e criticou que o líder do PSdeG iniciase mañá unha viaxe por Sudamérica "porque neste momento decisivo para Galiza hai que estar traballando aquí".

Quintana lembrou que o BNG vetou "todos os anos" no Senado os orzamentos dos gobernos de Aznar, "exactamente pola mesma razón que vetamos estes: porque non recollen as aspiracións lexítimas de Galiza".

"Nin PPdeG nin PSdeG presentaron ningunha emenda en beneficio de Galiza"

Quintana, mostrouse convencido de que "se finalmente os orzamentos se modifican en beneficio de Galiza será polas emendas presentadas polo BNG". Nunha rolda de prensa celebrada na sede nacional do Bloque, Quintana sinalou que nin o PSdeG nin o PP través dos seus senadores presentaron ningunha emenda ao proxecto de lei dos orzamentos do estado para 2005 que recollese "as aspiracións lexítimas de Galiza". O senador nacionalista criticou especialmente o dobre discurso do PP en Galiza e en Madrid. Mentres Fraga se "enche a boca" na defensa do Plan Galiza, os senadores do seu partido non citaron nin unha soa vez a Galiza nin ao citado Plan no texto de defensa do veto que presentou a formación conservadora. Quintana advertiu que "a Galiza perdéuselle o respecto nas institucións do estado polo silenzo de Fraga durante os 8 anos de goberno de Aznar".

Un chamamento á unidade sen resposta

Neste sentido, Quintana emprazou a Fraga "a que diga se está disposto a que os 14 senadores do PPdeG votasen a favor dos orzamentos no caso de que se consigan modificar a beneficio de Galiza". Quintana dubida de que os senadores "populares" fosen quen de romper a disciplina de voto en función dos intereses de Galiza nun partido que está disposto a rexeitar os orzamentos "pase o que pase".

Anxo Quintana mostrouse convencido de que se na negociación co goberno e co PSOE "puidésemos contar cos 19 senadores galegos, esas reivindicacións serían recollidas".

De feito, para o senador nacionalista, as demandas do BNG non suporían un "trauma contábel", senón "unha redistribución do gasto e a reparación dunha inxustiza histórica".


0/5 (0 votos)