Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PLAN DE PROMOCIÓN TURÍSTICA 2005

Cultura e solidariedade para hostaleiros

Algo falla cando o obxectivo da promoción cultural é encher os hoteis de turistas. Máis alá das carencias en infraestructuras culturais, en formación da mocidade e en oportunidades de emprego, o conselleiro de Cultura, Comunicación e Turismo, Xesús Pérez Varela, anunciou que a Xunta destinará 21 millóns de euros o ano que vén nun Plan de Promoción Turística baseado no foro internacional "Camiños da concordia. Solidariedade e Paz" coa participación de Kofi Annan, Mijail Gorvachov, Jimmy Carter ou Rigoberta Menchú, entre outros. O obxectivo é que os establecementos hosteleiros galegos reciban 5 millóns de turistas.

- 10:42 02/12/2004
Tags:

Nunha intervención parlamentaria a petición propia para explicar os contidos do Plan de Promoción Turística, Pérez Varela anunciou que a Xunta cederá o protagonismo dado ao Xacobeo a dúas cuestións: o fomento da cultura da auga como efecto saudábel (tanto do mar, os ríos, "as glamurosas rías" e instalacións termais) e ao foro internacional "Galiza: camiños da concordia. Solidariedade e Paz".

"Será o gran paraugas da promoción da oferta da cultura galega en 2005", afirmou o conselleiro en referencia ao foro. Nel participarán "o mellor do mellor": unha concorrida nómina "de Premios Nobel e Premios Príncipe de Asturias" como Kofi Annan, Mijail Gorvachov, Jimmy Carter, Rigoberta Menchú ou J.R. Rowling, a autora de Harry Potter.

O outro eixo da promoción turística será a "cultura da auga", centrándose nos seus "efectos saudábeis" e no seu potencial de atracción de visitantes a través de competicións de vela, entre as que o conselleiro destacou a celebración da Volvo Ocean Race.

A oposición criticou o Plan presentado por Pérez Varela. Considerou a intervención do conselleiro unha "mera rolda de prensa" sen contido. O deputado nacionalista, Domingos Merino, cualificou as propostas de Pérez Varela de "resesas" e "chapuzas". Para os socialistas, o inestimento neste plan de promoción turística é un "despilfarro".


0/5 (0 votos)