Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOLIDARÍZANSE CON GREENPEACE

Os ecoloxistas galegos apoian a campaña contra o arrastre de profundidade

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) apoian a campaña internacional impulsada pola Coalición pola Conservación dos Fondos Mariños contra o arrastre de profundidade en alta mar, seguramente a actividade ambientalmente máis destrutiva que ten lugar en alta mar. ADEGA, FEG e SGHN lamentan que o Estado español non apoiase o establecemento dunha moratoria para este tipo de pesca no seo da Asemblea Xeral da Organización de Nacións Unidas (ONU).

- 13:39 18/11/2004
Tags:

A Coalición pola Conservación dos Fondos Mariños está formada por 30 organizacións, entre as que figuran as organizacións ecoloxistas internacionais Greenpeace, WWF (WWF/Adena en España), Oceana ou Birdlife (SEO/Birdlife en España). Máis de 1.000 científicos e expertos mariños de todo o mundo, tamén do Estado Español, respaldan a campaña desta coalición que pretende evitar unha actividade que equivale a arrasar un bosque tropical para apañar algúns froitos.

A pesar de que non se estableceu polo de agora unha moratoria, a propia ONU vén de recoñecer que a pesca de arrastre en profundidade ten un impacto negativo sobre os fondos mariños. A pesca de arrastre en xeral ten sido cuestionada desde o século XVIII polos seus efectos negativos sobre a pesca e o medio mariño, tamén por persoalidades galegas como Martin Sarmiento ou José Cornide.

Apoio a Greenpeace

En relación cos feitos acontecidos onte no barco "MV Esperanza" de Greenpeace no porto de Vigo, e coas declaracións dalgunhas organizacións, as principais organizacións ecoloxistas galegas consideran absolutamente inxustas as acusacións de "mercenarios" en contra dos intereses galegos dirixidas aos compañeiros e compañeiras de Greenpeace. A campaña de Greenpeace e da Coalición pola Conservación dos Fondos Mariños é de ámbito internacional, está fundamentada en argumentos sólidos e non vai dirixida especificamente contra os 40 barcos da frota galega que practican este tipo de pesca.

As organizacións ecoloxistas defenden o mar e a explotación sustentábel dos seus recursos, a única viábel e socialmente beneficiosa a longo prazo, por riba de intereses nacionais de ámbito sectorial e de curto prazo. A defensa do emprego, do benestar social e do desenvolvemento non pode conlevar nunca a defensa de actividades ambientalmente irresponsábeis.


0/5 (0 votos)