O voceiro do grupo socialista no parlamento, Emilio Pérez Touriño, asegurou que os orzamentos da Xunta para o 2005 están baseados en "receitas económicas esgotadas que van na dirección equivocada: non apostan pola productividade da economía, non permiten o xiro social que Galiza demanda, son insolidarios, maltratan á Galicia interior e provocan a consolidación dunha Galiza de dúas velocidades". "Son uns presupostos para seguir xogando en segunda división. A fotografía máis clara dun goberno sen futuro", engadiu
Touriño insistiu en que estes presupostos "non contribúen á converxencia de Galiza con España e Europa" e sinalou que "a desprotección social e a baixa productividade non pode ser por máis tempo o modelo social e económico para este país".
O voceiro socialista lembrou que no 2003 a Xunta deixou sen executar "máis do 20% dos gastos do capital, deixaron sen gastar máis de 475 millóns de euros" e constatou o "fracaso" do modelo económico e social do PP: "Galiza está a perder pulso e peso en España a pesar da inxente cantidade de recursos manexada polo goberno. Deixan en herdanza unha Galiza debilitada", engadiu
Touriño advertiu que as contas galegas terán que ser auditadas para "contrarrestar• a situación de défice da comunidade porque a Xunta "deixa unha hipoteca" de máis de 3.000 millóns para os próximos catro anos". Lembrou que o défice do Sergas supera os 850 millóns de euros e a débeda financeira, os 3.200 millóns.
Segundo a súa análise, máis de 10.000 galegos quedaron sen recursos, 134.000 teñen dificultades para chegar a fin de mes, hai máis de 70.000 anciáns desatendidos e Galiza é a penúltima comunidade en atención primaria. "Esta é a rediografía clara e cruel do goberno da Xunta", sinalou.