O voceiro parlamentario do BNG, Xosé Manuel Beiras, acusou á Xunta de "inflar" os ingresos e gastos dos orzamentos para 2005 por ser ano electoral. Beiras cualificou de "inverosímiles" as previsións de ingresos extraordinarios dos orzamentos presentados polo conselleiro de Economía, Xosé Antón Orza, e sinalou que o ritmo de crecemento de Galiza será inferior ao previsto no estado español e na UE.
Beiras preguntouse onde está o "défice cero" e a "suficiencia económica" que prometera o goberno galego. "Quérelle cargar o morto ao estado e, por iso, denuncia a marxinación, que é a mesma que tivemos co seu goberno amigo", engadiu. O voceiro do BNG acusou tamén aos populares de "escudarse" no Plan Galicia, que cualificou de "pantasmada", para converxer co estado e coa UE, algo que non fixeron nos oito anos do goberno de Aznar. "Neste tempo defenderon o insostíbel e a irracionalidade e, agora, que cambiou o goberno, cambian de chaqueta como se non pasase nada", sinalou.
Beiras criticou tamén ao PSOE por "caer no erro" de apoiar daquela o Plan Galicia: "agora ten que apandar con el cando nós dixemos que non tiña compromiso orzamentario. Estou indignado e é unha incoherencia".
O voceiro nacionalista apostou por un modelo de Facenda Pública "propia" que garanta a suficiencia dos ingresos públicos desde unha posición plurinacional, "que non implica secesionismo". Así, lembrou que o actual modelo económico situou a Galiza nun segundo nivel entre as nacionalidades históricas e mesmo por debaixo doutras moitas comunidades.
Beiras defendeu un modelo de responsabilidade fiscal compartida que teña como punto de partida a territorialización completa dos tributos. Segundo el, este sistema "non colisona" coa soberanía fiscal compartida, senón con "determinadas estruturas do sistema financeiro actual, que cualificou de "regresivo" a nivel social e territorial.