Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DOUS ANOS DESPOIS DO PRESTIGE

"O noso compromiso: salvar o mar", crónica da manifestación de Nunca Máis

Os arredores da Alameda de Compostela comezáronse a inzar de milleiros de persoas, 20.000 segundo a policía local e 50.000 para os organizadores, dispostas a participar na manifestación convocada por Nunca Máis para conmemorar o segundo aniversario do Prestige e demandar as "solucións e a xustiza" aínda pendentes.

- 20:05 13/11/2004
Tags:

Representantes da Comisión Xestora de Nunca Máis portaban a parcanta que abría a marcha que percorreu as rúas de Compostela. Presenza tamén de representantes do BNG, PSdeG e outras formacións políticas: o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana e o presidente do Consello Nacional, Xosé Manuel Beiras, amais de numerosos membros da executiva da formación nacionalista; o voceiro parlamentario do PSdeG-PSOE, Ismael Rego e outros integrantes do grupo parlamentario socialista, coa ausencia do secretario xeral, Emilio Pérez Touriño.

A cabeza da manifestación chegou á Praza da Quintana unha hora despois de que partira da Alameda. Alí, o actor Carlos Blanco comezou o acto contando unha anécdota de Valle Inclán para ilustrar o intento de criminalización da plataforma Nunca Máis por parte da Xunta. Blanco lembrou que cando conduciran detido á comisaría a Valle Inclán, o escritor aurosán díxolle ao comisario: "aquí lle traio esposado a este policía". De seguido, Carlos Blanco deulle a palabra ao presidente dos mariscadores e mariscadoras a pe da Confraría de Pontevedra, Miguel Anxo Pazos, quen lembrou que "hai dous anos estivemos sós" e neste momento o mar segue "na mesma situación de desamparo e desprotección" que daquela. Pazos acusou á Xunta de "preguiza" e sinalou que "Madrid fica ben lonxe". Tamén fixo un balanzo da situación actual dos recursos pesqueiros e marisqueiros. En contra da versión do conselleiro de Pesca, López Veiga, Pazos asegurou que desde o Prestige se detectaron "importante perdas" na colleita de moitas especies, en especial, a ameixa babosa, a mexilla, o percebe e o lumbrigante, "que practicamente desapareceu". Pazos fixo un resumo das reivindicacións aínda pendentes por parte da Xunta e do goberno español: "en primeiro lugar, pedir perdón" pola súa actuación durante a catátrofe do Prestige e despois: a rexeneración dos fondos mariños, unha información veraz de todo o que aconteceu, mellorar as condicións de traballo do sector e medidas concretas e eficaces en materia de seguridade marítima.

Despois da intervención de Celtia Sar, filla dun mariñeiro de Muxía, o músico e escritor Xurxo Souto deu lectura ao manifesto do segundo aniversario do Prestige. Os manifestantes corearon "a ladaíña da vida do mar": un repaso por toda a costa galega seguida da palabra "Vida".

Cando xa estaba finalizando o acto, co himno galego interpretado á gaita por Paulino Vázquez, os integrantes da Plataforma Contra a Burla Negra entraron na praza ataviados con boinas e birretes e unha gran figura do presidente da Xunta en actitude pouco decorosa.


0/5 (0 votos)