Os ecoloxistas advirten que o goberno ten a responsabilidade de garantir "que se fai unha avaliación do impacto de forma integral e a longo prazo" e de asegurar que "os resultados sexan públicos". Nese sentido, láiase o colectivo do actual descoñecemento sobre o impacto real, xa que dous anos despois e logo que o balanzo teña amosado a existencia de danos en pesquerías e ecosistemas, non existe informe oficial ao respecto.
"Dende Greenpeace pedímoslle ao goberno que non esqueza tan axiña a loita dos cidadáns contra a marea negra, e que deixe os triunfalismos porque a situación das nosas costas hoxe segue esixindo dun seguemento científico coordinado e independente que permita avaliar a longo prazo os danos nos ecosistemas e nos sectores económicos afectados", declarou o director do colectivo, Juan López de Uralde.
Os ecoloxistas tamén denuncian os poucos cambios acadados no aspecto lexislativo, fundamental para garantir que non se produzan catástrofes futuras. De feito, Grecia, Malta e Chipre veñen de usar o dereito de veto na UE para bloquear a directiva europea que tería incluído a responsabilidade penal para os responsábeis de accidentes marítimos con resultado de contaminación.
"Os vellos buques monocasco seguen navegando con impunidade polos nosos mares, e nada se sabe dunha nova normativa que impoña un novo rexime de responsabilidade ilimitada en caso de nova catástrofe ambiental", critica Greenpeace.